Novas

Alexandra Fernández: “Íñigo de la Serna veu dicirnos que renunciemos a xestionar a AP-9 para salvagardar a unidade de España”

photo5904691090190084222

A deputada de En Marea critica na súa iniciativa parlamentar “a nova argumentación do Ministro, desta volta de carácter político, para continuar co veto sobre a transferencia da AP-9”

Madrid, 1 de agosto de 2017. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou hoxe unha batería de preguntas na Cámara Baixa dirixidas ao Ministro de Fomento após da xuntanza mantida onte co Presidente da Xunta en Compostela sobre a materia de infraestruturas galegas.

Fernández é especialmente crítica cos novos argumentos empregados por Íñigo de la Serna para seguer a vetar a petición unánime do Parlamento galego para que se traspase a AP-9 a Galiza: “O Ministro veu dicirnos que renunciemos a xestionar as nosas infraestruturas, que renunciemos á xestión da AP-9, para salvagardar a unidade de España. Mais, non imos consentir que o Estado continúe a pór paos nas rodas e os dedos nos ollos. Imos continuar defendendo os nosos intereses, e o que teña que rachar que rache”.

“Periga o estado por transferir a AP-9?”

Do encontro de onte, a parlamentar de En Marea resúltalle chamativa a nova xustificación sobre a Autovía do Atlántico: “Escoitamos de todo, especialmente argumentos baseados no custe económico do seu rescate, que por certo e á vista do aprobado no Consello de Ministros do venres pasado, sería unha pálida sombra en comparanza coa abultada suma que vai empregar o Goberno no rescate das quebradas autoestradas radiais de Madrid. É evidente o doble raseiro. Non hai límite para rescatar as autoestradas da época do pelotazo de Aznar, pero negación total á transferencia da AP-9”.

Reprocha Alexandra Fernández ao Ministro que acuda a argumentos de índole política sinalando que non vai traspasar a AP-9 polo actual contexto político e a posibilidades de reclamacións similares. É dicir, “o proceso de Catalunya vale para un roto e para un descosido. Polo tanto, está claro que a negativa é por razóns políticas e non económicas. Son a mostra dos numerosos obstáculos que puxeron ás proposicións do Parlamento galego”. O lamentábel, apostilla Fernández, “é que “Feijóo sexa sempre fiel aos postulados do seu partido político aínda que non sempre é leal ás necesidades de Galiza”. Resulta cando menos sorpresivo que haxa un veto á petición de transferencia dunha infraestrutura que vertebra Galiza de Norte a Sur por temor á descentralización do Estado: “Máxime cando se transferiron autoestradas en Catalunya e Euskadi”.

A deputada de En Marea pregunta ao Ministro se “de verdade pensa que periga o estado se traspasa a Galiza a AP-9?” e formula unha serie de cuestións sobre o mesmo na iniciativa que achegamos.

Ademais, pregunta sobre os prazos da A-54, infraestrutura moi retrasada. E polo Plan Estatal de Vivenda, “cuestión de máxima importancia para a poboación galega”. E pola declaración de tramo urbano, o traxecto de entrada a Vigo da AP-9 que ten un enorme impacto acústico.

Iniciativa:

Download (PDF, 1.67MB)