Novas

Alexandra Fernández: “O Goberno obsesiónase co AVE mentras territorios como Galiza non teñen tren de cercanías, servizos que a xente precisa todos os días”

C-QhhBJXoAEaXot

A deputada de En Marea tamén destacou na súa comparecencia a necesidade de repensar as estradas e trasladou a proposta de En Marea para que a AP-9 sexa gratuita e transferida á Xunta.

O Secretario Xeral de Infraestruturas non respondeu a prácticamente ningunha das cuestións de En Marea e eludiu responder sobre o prazo de remate do AVE entre Lubián e Ourense.

Madrid, 25 de abril de 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, interviu este martes na comparecencia do Secretario Xeral de Infraestruturas e Presidente de SEITTSA, Manuel Niño González, no Congreso dos Deputados no marco das comparecencias de Orzamentos do Estado para preguntarlle por infraestruturas viarias e ferroviarias galegas.

“No que afecta ás infraestruturas ferroviarias, quixera comezar cunha crítica xenérica á política do Goberno en materia ferroviaria, dado que os festexos do 25 Aniversario do AVE foron a mostra máis gráfica da obsesión do Goberno polos corredores de alta velocidade cando nin sequera se completou o mapa de cercanías, non se modernizou nin mellorou o tren convencional e non se investiu nas liñas interiores en cada territorio”, denunciou a parlamentar, pensando nas infraestuturas ferroviarias que a cidadanía galega usa cada día.

Fernández insistiu en que, para o Goberno, o tren redúcese ao AVE, que ademais dunha infraestruturas moi costosa, está pensada para longas distancias, conta cunha tarifas caras e non é a máis idónea para vertebrar un territorio.

“Inciden nun modelo radial, de centro-periferia que aprofunda no desequilibrio territorial”, asegurou a deputada, que ensinou un gráfico sobre o investimento de Fomento en Galiza, no que a gran parte se destina ao AVE, e criticou o “baixo nivel de execución”.

“Fomentan expectativas e despois hai unha nula execución. Rematen o AVE a Ourense canto antes para poder adicar recursos a outras necesidades ferroviarias, para mudar o modelo”, insistiu.

Fernández preguntou polo desmantelamento de liñas ferroviarias tan fundamentais para Galiza como o corredor noroeste, a antiga liña FEVE entre Ferrolterra-A Mariña e Asturies, para a que se destinan nestes orzamentos ridículas partidas como 15.000 e 387.000 euros, para as provincias de A Coruña e Lugo, sen programación futura.

“Colla un tren na Mariña ou en Ferrol e comprobará o seu deterioro e abandono”, denunciou.

Ante este discurso, o Secretario Xeral non deu ninguna respota concreta sobre a falta de partidas para crear un tren de Cercanías en Galiza, non comentou nada sobre a antiga liña FEVE e non se comprometeu con datas respecto a rematar o AVE entre Lubián e Ourense.

ESTRADAS

Outra das grandes cuestións da intervención foron as estradas, momento no que a deputada de En Marea convidou Secretario Xeral a repensar estas vías de comunicación porque en moitos casos atópanse nun “lamentable estado de conservación e faltas de actualización” e en moitos casos, as estradas estatais parecen asemellarse máis a estradas comarcais ou provinciais que a viais estatais.

“En territorios como Galiza, caracterizados pola súa alta dispersión poblacional, as estradas denominadas nacionais convertéronse na súa gran maioría en travesías urbanas ou viais de comunicación entre poboacións. O Ministerio de Fomento non levou a cabo un exercicio de análise sobre a súa situación a medida que pasaban os anos e modificábanse as súas características. O furor constructivo levou tamén a construír novas autovías que nalgúns casos discorren paralelas ás estradas nacionais, sen deterse na necesidade de mellora integral de moitos destes vellos viais”, denunciou a deputada.

Sen embargo, un dos puntos centrais da súa comparecencia foi a AP-9, dado que o o Secretario Xeral é o representante nas sociedades concesionarias de autopistas de peaxe.

“Aproveito que está na Comisión para trasladarlle o malestar existente coa mala xestión de AUDASA en relación á autopista do Atlántico”, asegurou Fernández, que lle trasladou a posición de En Marea en relación a esta carísima autopista, que a estas alturas consideramos debería ser gratuita e que xa se tivera transferido á Xunta.

Precisamente, respecto a esta cuestión, a parlamentar criticou as irrisorias cantidades contempladas para a necesaria reforma da N-550, o único vial alternativo ás elevadas peaxes da AP-9, aínda que o seu deterioro e mal estado a descartasen como unha alternativa real.

En relación á A-8, a deputada tamén denunciou que os Orzamentos recollen que a prometida solución técnica para esta estrada “vai para longo”, con programación de partidas até 2019, polo que no mellor dos casos a autovía terá unha solución aos seus problemas técnicos no 2020

Respecto ás estradas, comentou sobre a A-8 que “están a traballar e non están parados” para xustificar os atrasos.

Da A-54 falou dos tramos xa rematados pero non de prazos de remate dos que están pendentes, como o de Arzúa-Melide.

Sobre a Ap-9 limitouse a falar da política tarifaria sin aportar máis valoración ás demandas de En Marea.

En conclusión, Niño González eludiu responder aos temas máis relevantes que atinxen ás infraestruturas de Galiza.