Novas

Aprobada a iniciativa de En Marea que pide ao Goberno que se paguen xa as bolsas MEC e se cambie o sistema

FOTO TRIBUNA 2

“Os recortes practicados polo PP en materia educativa xeraron multitude de problemas aos fillos e fillas das clases sociais máis desfavorecidas posto que os seus recortes atentaron contra o dereito de acceso universal á educación”, denunciou a deputada de En Marea, Alexandra Fernández.
Madrid, 22 de marzo de 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, defendeu este mércores a PNL de En Marea que pide modificar o sistema de concesión de bolsas xerais da Universidade e que se resolva o problema dos retrasos no pago das mesmas.

A iniciativa tivo 20 votos a favor e 17 en contra, co apoio de todos os partidos a excepción de Ciudadanos e o Partido Popular.

En Marea fíxose eco das demandas da comunidade educativa, motivo polo que insta ao Ministerio de Educación a resolver as resolucións sobre as bolsas xerais de Universidade (MEC) a inicio de curso académico, e proceder ao ingreso da totalidade das cuantías correspondentes pola percepción das bolsas no periodo de comezo de curso, de xeito que os estudantes poidan programar o ano escolar sen problemas económicos que dificulten os seus estudos.

A deputada tamén pediu que se cambie canto antes “o sistema actual de bolsas xerais de Universidade, vixente desde 2013, que consta dunha parte fixa e outra variable, aprobando un sistema estable de axudas ao estudo que non suma na incerteza nin na imprevisión aos estudantes beneficiados”.

Como contrapunto ao realizado nos últimos anos, En Marea tamén considera necesario “aumentar as partidas destinadas a bolsas e o número de axudas ao estudo a fin de garantir o acceso universal á educación”.

“Os recortes practicados polo PP en materia educativa, en materia de concesión de bolsas e axudas ao estudo, durante a lexislatura de maioría absoluta, xeraron multitude de problemas aos fillos e fillas das clases sociais máis desfavorecidas posto que os seus recortes atentaron contra o dereito de acceso universal á educación”, denunciou Fernández.

O estudantado denunciou en numerosas ocasións que este sistema de bolsas obrígaos a compatibilizar os seus estudos cun traballo ou incluso a abandoar a universidade por non ter os recursos económicos suficientes.

Por estes motivos, En Marea considera que a xestión do Goberno en materia de bolsas e axudas ao estudo “é involucionista, clasista, regresiva e limita o acceso universal á educación”.

“Corresponde este modus operandi co modelo educativo do PP: elitista, que desvirtúa a educación pública en favor da privada”, concluiu a parlamentar.