Novas

Arrancan as comparecencias na Comisión do Alvia: “é unha vergonza que as vítimas tivesen que facer o que debía facer a Administración”

photo5920023277328248529

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, denunciou a actitude do PP que “foi a de tratar de restar valor aos datos proporcionados pola Plataforma sinalando que todo se dirimirá no xulgado cando sabemos que houbo interferencias políticas sistemáticas no eido xudicial”.

Intervención:
https://youtu.be/ElZ4DojOl7M

Madrid, 10 de xullo de 2018. Esta mañá comezaban as comparecencias na Comisión de Investigación do accidente do Alvia, creada a instancias de En Marea. Por primeira vez en cinco anos, representantes das vítimas puideron expresarse e ser escoitadas na Cámara Baixa.

En declaracións aos medios, Alexandra Fernández, portavoz de EM na Comisión do Alvia, amosou a súa satisfación porque cinco anós despois, “por fin as vítimas tiveron voz no Congreso” e destacou a súa valentía.

A deputada destacou que “as vítimas do Alvia tiveron que investigar á marxe das autoridades públicas. Sen apoio. Hoxe escoitamos o relato que non é o oficial da culpa do maquinista”.

Ademais, denunciou a actitude do PP que “tratou de quitar valor aos datos proporcionados pola Plataforma sinalando que todo se vai dirimir nos xulgados cando sabemos que houbo interferencias políticas no eido xudicial”.

Fernández exemplificou o dito afirmando que “despois do Informe da ERA, todos os  cargos desimputados de Adif e Renfe, voltaron ser imputados. É evidente que as decisión políticas logo acaban influindo nas xudiciais”. Ademais, expresou o desexo de que “ao final da Comisión as responsabilidades políticas teñan consecuencias no político e tamén no proceso xudicial”.

MAÑÁ DE COMPARECENCIAS:

A deputada de En Marea empezou a súa intervención agradecendo a incansábel “loita durante 5 anos das vítimas do accidente do Alvia”. “Hai un traballo de cinco anos, pero que non parte só da dor, senón que é froito dunha ciruxía milimétrica que aporta dados”.

“O audio do maquinista foi definitivo” 

Alexandra Fernández formulou unha serie de preguntas ao Presidente da Plataforma do Alvia, Jesús Domínguez, pedíndolle que explicase en que momento comezaron a cuestionar a única teoría do fallo humano. Domínguez cualificou a posta en marcha da conexión de alta velocidade Ourense-Santiago de “auténticas chapuza”.

“A chapuza foi tan grande que seguiron mantendo na web que había ERTMS nos 90 kms e que era de alta velocidade, aínda que despois o negasen desde Fomento . Para nós, o audio do maquinista foi definitivo”.

A CIAF ten que disolverse. Cúmprase o mandato da UE

Fernández Gómez aludiu en segundo termo ó Informe da CIAF que sinalou ao maquinista como o único culpábel e obviou que non tiña a seguridade idónea, que non se fixeron as análises de risco que a ERA demandou. O Presidente da Plataforma foi moi crítico coa composición da CIAF da que censurou a súa falla de independencia.

“Dixémoslle a Ana Pastor que a CIAF, con despacho no Ministerio de Fomento, non podía facer esa investigación nin era independente. A directiva vixente desde 2004 di que non pode ser parte dela empresas que participaron na construción nin persoal do Ministerio”.

En resposta a En Marea, Domínguez afirmou que desde a Plataforma piden a “disolución da CIAF” e que se cumpra “o mandato da UE” de que se faga unha investigación independente. Alegou ademais que a “CIAF está contaminada” e engadiu que pediron xa unha xunta con Ábalos.

A deputada de En Marea mencionou o dito por Jesús Domínguez sobre “4 decisións que comprometeron a seguranza: o cambio de proxecto orixinal que fixo o ex Ministro Blanco, a desconexión do ERTMS con Ana Pastor ao frente de Fomento, a omisión da comunicación que fixo o xefe de maquinistas en decembro de 2011 a varios cargos de Renfe, e a non realización da análise e avaliación de riscos.

O Presidente da Plataforma profundizou nos cambios na liña resaltando que se puxo en perigo a seguridade: “A modificación do proxecto, haberá que preguntarllo a José Blanco por que o fixo. Deducimos que polos retrasos”. Salientou o custe de 3.000 millóns de euros para 90 kms e “resulta que dependíamos dun señor maquinista que tiña que lembrarse de frear cando vía o chalet coa piscina”.

Declarada liña de alta velocidade

Alexandra Fernández tamén puxo enriba da mesa outra das partes polémicas como foi a preservación dos intereses económicos relacionados coa venda de trens AVE. Salientou tres partes do guión que usou Fomento: “o maquinista como único culpábel, non era unha liña AVE e a preocupación polos intereses económicos”.

Neste tema, Domínguez lembrou a publicación no BOE en 2011 da liña Ourense-Santiago como liña AVE. “a UE dixo que era unha liña AVE. Foi todo un engano, e hai responsabilidades políticas”.

“É unha vergoña que esteades a facer o que debían facer as Administracións públicas”

Nunha segunda orde, compareceu Cristina Liras, tamén integrante da Plataforma a quen a deputada de En Marea deu as grazas e asegurou que “é unha vergoña que esteades a facer o que tiñan que facer as Administracións públicas”.

Liras aproveitou a súa comparecencia para demandar unha investigación independente e destacou que “aquí nunca se nos deu audiencia”. “Un dos requisitos en accidentes deste tipo é que se debe dar audiencia ás vítimas”.

En relación a Feijóo, “estaba a gañar puntos para algo? Tiña intereses eleitorais? Esa hipocresía con persoas que perderon fillos. Nós non queremos medallas, queríamos xustiza e unha investigación independente”.

Pola súa banda, Alexandra Fernández destacou que “houbo responsábeis políticos que foron premiados. Nesta liña, Liras destacou con énfase o nomeamento de Catalá como Ministro de Xustiza”

“Cren que teñen impunidade?”, inqueriu Alexandra Fernández. Liras: “Pois si, coido que os blindaron. É unha blindaxe. Deixan pasar o tempo para que esto se enterre, e non estamos dispostas”.

Fernández comprometeuse a demandar que as vítimas poidan ter dereito a réplica ao final das comparecencias da  Comisión, e que se proxecte o documental Frankenstein.