Iniciativas de En Marea

En Marea pide explicacións a Renfe polos retrasos e cancelacións en FEVE entre Ferrol e Ribadeo e demanda melloras canto antes

dsc_0203

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello,  pregunta polos compromisos adquiridos na xunta do 8 de maio e demanda concreción.

Madrid, 21 de maio de 2017. O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar no Congreso na que pide explicacións a Fomento polas cancelacións de servizos e retrasos na liña da antiga FEVE que se produciron na fin de semana pasada, aínda que suceden con frecuencia.

Miguel Anxo Fernán Vello considera “intolerábel a situación da liña de ancho métrico Ferrolterra-Ortegal- A Mariña. “A desastrosa situación desta liña resulta desesperante porque non vemos que se produzan avanzos e todo parece relegarse a un mero exercicio retórica, mentras na realidade, a antiga FEVE non recibe nos Orzamentos do estado os necesarios investimentos, e mentras os problemas contiúan presentes no día a día. Os usuarios descoñecen o que se van atopar cando se dirixen a algunha das estacións de parada da liña”.

“Hai compromisos concretos?”

O deputado de En Marea alude á xunta producida o pasado 8 de maio entre representantes municipais das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña coa Conselleira de Infraestruturas e o Director Xeral de Renfe, para abordar as deficiencias da liña de ancho métrico. Pón de manifesto que nesa xunta adquiriuse o compromiso de proceder á mellora desta conexión ferroviaria. Incluso o Director de Renfe recoñeceu a deficiente situación e a mala calidade dos servizos, e anunciou un aumento de personal e o reforzó do material rodante.
Pois ben, subliña Fernán Vello, “Existe un compromiso real por parte de Renfe para mellorar o estado desta liña? Á luz dos Orzamentos do estado, vai aumentar os investimentos para esta conexión? Que medidas en concreto e cando se van adoptar? Vaise facer nun prazo de tempo breve?”.
Estas son algunhas das cuestións que o deputado de En Marea formula ao Goberno, e salienta que “continuaremos através da iniciativa parlamentar a requerir que se poña en valor unha liña ferroviaria necesaria”.

 

Download (PDF, 929KB)