Novas

En Marea arrinca ao PP o compromiso de defender aos ex mariñeiros de ‘Long Hope’

photo5823548699723278515

Iniciativa acordada:  https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/a924fc57-7c47-4acb-a282-435016eb2441/Propuesta_modificacio_n_a_MCI_671_15_reg_22086_1_.pdf

Madrid, 22 de febreiro de 2017. O Senado votou hoxe, con todos os votos a favor, a moción consecuencia da interpelación que presenta a senadora galega de En Marea, Vanessa Angustia para defender as reivindicacións dos ex mariñeiros da asociación ‘Long Hope’, que representa a 12.000 traballadores, a maioría galegos.

A iniciativa foi aprobada por unanimidade, xa que o texto que se presentou a votación foi transaccionado con todas as forzas políticas da Cámara Alta.

Desde 1948 e ata 1994 todos eles faenaron en alta mar en buques con bandeira noruega, abandonando os impostos equivalentes ao IRPF. Anos despois, sen embargo, ese traballo realizado non computa a efectos de pensión de xubilación, sen que reciban retribucións nin do Estado Español nin de Noruega, atopándose nunha situación de auténtica desprotección social.

A moción insta ao Goberno a “reforzar as negociacións con Noruega a fin de alcanzar un acordo que satisfaga aos mariñeiros” e, igualmente, a que a “Abogacía do Estado dea apoio á demanda que presenten os afectados, si unha vez esgotadas todas as canles legais en Noruega o caso chegase ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos”.

O texto hoxe acordado tamén insta ao Goberno de Mariano Rajoy a que traslade resposta por escrito ao informe xurídico que elaborou a propia asociación ‘Long Hope’.

Na pasada sesión plenaria, celebrada no Senado fai dúas semanas, Alfonso Dastis, ministro de Exteriores, foi interpelado pola propia Vanessa Angustia, esixíndolle un compromiso vinculante co colectivo de ex mariñeiros.

En Marea no seu conxunto, e especialmente a senadora Vanessa Angustia, seguirán de cerca todo o proceso xudicial que arrincará en breve en Noruega e no cal o colectivo de ex mariñeiros representados pola asociación ‘Long Hope’ debe contar co apoio do Goberno de España nos términos hoxe acordados.