Novas

En Marea celebra a ampla maioría de mulleres no novo Goberno e marca axenda para Galicia

photo5821074038351572261

Madrid, 7 de xuño de 2018. O voceiro de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, en declaracións previas á Xunta de Voceiros, saudou ao novo Goberno de Pedro Sánchez destacando que “cómpre celebrar a numerosa presenza de mulleres, cunha amplia maioría”, non obstante, “é necesario destacar algúns claroscuros como o nomeamento de Grande-Marlaska”.

Co novo Goberno socialista ábrese un novo tempo para deixar atrás a corrupción e a ineficacia do Partido Popular. Neste novo tempo, como afirmou Fernán Vello “hai que revertir as políticas antisociais, rematar cos recortes, ser eficaces contra a violencia machista, erradicar a precariedade e a pobreza, retomar o diálogo con Catalunya e defender a liberdade de expresión”.

No tocante a Galicia, o voceiro no Congreso lembrou que “non se pode esquecer o desleixo do Goberno do Partido Popular a Galiza rebaixando o estatus de nacionalidade histórica. As nefatas políticas de Rajoy e Feijóo deben de ser revertidas para recoñecer o carácter nacional galego”.

“Estaremos moi atentos ás políticas reais do Goberno para defender Galicia”, destacou Miguel Anxo Fernán Vello. Como indicou o voceiro, o grupo de En Marea no Congreso traballará para esixir a transferencia da AP-9, abordar a prórroga de ENCE, a financiación autonómica e revertir o atraso en materia ferroviaria.