Novas

En Marea critica na Comisión do Alvia que a técnica que fixo as probas co ERTMS “non sexa capaz de decir se é mellor circular co ERTMS operativo ou non”

photo5821207564589837883

Alexandra Fernández a Beatriz Sierra: “O cometido da Comisión é o de analizar o sucedido para que non volten acontecer accidentes como o do Alvia. Se non hai colaboración por parte das persoas comparecentes, témolo moi compricado”

A deputada de En Marea reprochou á representante de Ineco a falla de colaboración.

Madrid, 12 de setembro 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, dirixiuse esta tarde no reinicio das sesións de comparecencias da Comisión de Investigación do accidente do Alvia, á técnica de Ineco e da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, Beatriz Sierra, para formularlle unha serie de cuestións en relación á desactivación do sistema de seguridade máis avanzado no lugar do sinistro. Fernández interpelouna como persoa experta en ERTMS e como a técnica que fixo as probas do sistema de seguranza ERTMS.

A deputada de En Marea puxo de relieve que no proxecto de tren de alta velocidade Santiago-Ourense, o sistema de seguranza pasou por tres momento diferentes: o ERTMS en toda la vía, até a estación de Santiago, como figuraba no proxecto inicial. Logo o cambio na redación do proxecto que limita a instalación do ERTMS até o quilómetro 80, antes da curva de Angrois, ficando así o “ERTMS recortado”, e finalmente, o momento no que se produce a desconexión do sistema, procedéndose a desconectar o ERTMS na súa totalidade, desde Ourense até Santiago.

Experta en ERTMS sen opinión

“Como experta neste sistema, en cal dos tres momentos existe menor risco e polo tanto maior seguranza? Non debería estar o ERTMS en toda a vía?”, preguntou a deputada de En Marea. Beatriz Sierra eludiu en todo momento respostar de forma clara e escudouse en cuestións técnicas para negarse a respostar. A parlamentar de En Marea insistiu en pedirlle que compartise os seus coñecementos en ERTMS para dar a súa avaliación: “Que é máis seguro ir con ERTMS conectado ou non?”. Sierra foi moi ambigüa e non foi quen de respostar se é mellor ter o ERTMS conectado ou non, a pesar de ser a persoa que fixo as probas do sistema, o cal sorprendeu a Alexandra Fernández, após de coñecer a avaliación de moitas persoas expertas no tema.

Fernández formulou unha serie de cuestións respeito ao Informe realizado por ela para verificar a correcta integración do sistema ERTMS, “ao non chegar até Santiago con ese sistema de seguranza, obrigaba a realizar un cambio de sistemas antes da curva, de ERTMS a ASFA, dun máis seguro a un menos seguro. E parece que a transición entre ambos daba fallos. Do seu informe dedúcese que vostede non detectou ningún problema ou fallo relacionado con esa transición”.

Salientou que o perito independente, Sr Mariñas, afirma que o Informe non foi completo. “Por que non se fixeron as probas completas?, A comparecente afirmou non coñecer o informe independente e indicou non lembrar se fixera ou non as probas pola vía accidentada.

En 24 horas, decídese desconectar o ERTMS

Alexandra Fernández describiu o proceso polo que o 17 e xuño de 2012 se puxo en servizo a liña, o 22 de xuño o Director de Área de Negocio de Renfe solicita ao director de Seguridade de Renfe, o Señor Lanchares, a desconexión do sistema ERTMS, motivado porque hai problemas na transición entre sistemas e que está a xerar retrasos. O 23 de xuño, o Señor Lanchares emite opinión favorábel e solicita ao Director de Seguridade de Adif, Señor Cortabitarte, e solicítalle a desconexión. O mesmo 23, Cortabitarte autoriza a desconexión. “Coida vostede que os retrasos poden sr un motivo para desconectar o sistema de seguridade? É habitual que o director de Negocio de Renfe propoña desconectar o sistema de seguridade?”.

Resaltou Alexandra Fernández que un cargo intermedio de Renfe teña capacidade de propor desconexións de sistemas de seguridade e lograr a autorización en 24 horas mediante medio folio? Sen documentos que o xustifiquen”. Beatriz Sierra alegou que “carecía de detalles ao respeito” e que non participou nese proceso”.

A deputada de En Marea dirixiulle outras cuestións relacionadas co informe do fabricante Bombardier que recomendaba baixar a velocidade non a desconexión, ademáis da falla de avaliación de riscos e pediulle opinión sobre o informe da CIAF e da ERA. En todo momento eludiu as respostas, nin siquera otorgando a súa opinión de persoa experta en ERTMS.

Razón pola que Alexandra Fernández lembroulle que “o cometido da Comisión é o de analizar o sucedido para que non volten acontecer accidentes como o do Alvia. Se non hai colaboración por parte das persoas comparecentes, témolo moi compricado.