Novas

En Marea demanda a Ábalos que active un plan de reforma urxente das estradas estatais por Lugo, as máis perigosas do Estado

photo5855012487672475066

Fernán Vello: “A situación das infraestruturas viarias estatais no territorio lugués é desastrosa. Non hai estrada que se salve. Todas presentan problemas que se foron agravando co paso do tempo debido á falla de investimentos”.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/85a9c5c0-d81c-401d-81d9-a377324867a4/PREGUNTA_RISCO_N_540_N_120_N_640_LUGO.pdf

Madrid, 26 de decembro 2018.  O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixiuse ao Ministro de Fomento, José Antonio Ábalos, para poñerlle sobre a mesa a asignatura pendente de rehabilitación e reforma das estradas estatais ao seu paso por Lugo.

O deputado de En Marea demanda a Ábalos que active canto antes un Plan de Reforma urxente dos viais da súa titularidade que están en moi malas condicións, tal e como “vimos denunciando ao longo de toda a lexislatura”.

N-642,N-640, N-540, N-120…

Fernán Vello que apremiou ao Ministerio a poñer o foco sobre as dúas estradas que aparecen no Informe de EuroRAP como as máis perigosas do estado, a N-642 e a N-640, reclámalle agora en novas iniciativas que engada o arranxo dos outros viais que figuran nun nivel de risco medio como a N-640 desde Pontenova a Meira, a N-120 desde Quiroga a Pobra de Brollón, e a N-540 á altura de A Barrela, entre os quilómetros 65 e 81.

O parlamentar de En Marea chama a atención sobre “a situación desastrosa das infraestruturas viarias estatais no territorio lugués. Non hai estrada que se salve. Todas presentan problemas que se foron agravando co paso do tempo debido á falla de investimentos, de mantemento ou de arranxos. O esquecemento, o abandono converteunas en moi perigosas. E o pior é que Fomento continúa sen tomarse en serio este problema. Temos que reclamar decote, e os lugueses e as lugueses deben circular por estradas deterioradas con alto risco para a condución. Tan difícil é interiorizar e asumir esto?”, pregúntase  Fernán Vello.

“Estaremos atentos aos Orzamentos para que as estradas de Lugo non fiquen fóra”

Miguel Anxo Fernán  Vello insta a Ábalos a atallar xa este estado, a activar os investimentos precisos e necesarios para levar a cabo un Plan de Mellora dos viais. “Que sentido ten ter infraestruturas se se deixan apodrecer?”. Neste sentido, anuncia o deputado de En Marea que “imos estar atentos ao proxecto de Orzamentos cando o Goberno o traía á Cámara, e o mal estado das estradas por Lugo vai ser un das nosas preocupacións. De non contar coas inversión precisas, presentaremos unha batería de emendas “.