Novas

En Marea demanda no Congreso que se aumente a dotación económica para o Museo Marco

photo5866085407282801390

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, lembra que o Ministerio de Cultura forma parte do Padroado do Museo e insta ás institucións implicadas a parar o seu desmantelamento.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/37b8c59e-ece2-4bc4-b516-17c8d058dcb7/PREGUNTA_MUSEO_MARCO_VIGO.pdf

Madrid, 10 de novembro 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar no Congreso para demandarlle ao Goberno que incremente a dotación orzamentaria destinada ao Museo Marco de Vigo, que actualmente atravesa unha situación moi precaria e difícil debido á falla de partidas económicas.

Alexandra Fernández lembra que ademais do concello de Vigo, da Xunta, da Deputación, tamén forma parte do Padroado desde 2006 o Ministerio de Cultura.

“Durante anos o Ministerio contribuiu mediante os Orzamentos do Estado á colaborar no financiamento das actividades do Museo, pero as dotacións estatais foron reducíndose nos últimos anos até a ridiculez”.

En Marea pediu nos Orzamentos estatais 100.000 euros para o Marco

Neste sentido, En Marea quixo recuperar as dotacións na tramitación dos Orzamentos para este ano mediante unha emenda na que pedía 100.000 euros para o Marco, pero “o PP rexeitouna”.

Fernández amosa a preocupación de En Marea pola pervivencia do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo que ten por obxectivo a difusión e promoción da arte contemporánea, especialmente a creada na Galiza e que é unha plataforma para impulsar a creatividade de moitos artistas”. Alerta a parlamentar “da precaria situación do Marco que vive actualmente momentos de enorme inquedanza, até o punto que asociación do ámbito das artes plásticas de todo o estado asinaron un comunicado para reclamar un futuro para o centro”.

Parar o seu desmantelamento

A deputada de En Marea apremia ao Ministerio, á Xunta e ao concello de Vigo a “parar o desmantelamento dun Museo pioneiro na cidade e a aprobar o necesario financiamento para impulsar a súa actividade”.

Amosa Fernández a solidariedade cos traballadores e traballadoras do centro “en momentos moi difíciles”, razón pola que acudirá esta tarde ás actividades programadas para demandar que se garanta a súa continuidade e futuro.