Novas

En Marea demanda un plan de rexeneración para o Río Barbaña nunha xunta co presidente da CHMS

photo5886223873278586294

Fernán Vello mantivo un encontro con José Antonio Quiroga quen lle anunciou que se vai levar a cabo un Estudo de Avaliación do estado do Barbaña para logo proceder á súa rexeneración ecolóxica e biolóxica.

 

Iniciativa:
https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/3ea40c77-2116-43d6-b64f-5b00f9a6f459/PREGUNTA_VERTIDOS_RIO_BARBAÑA.pdf

Ourense, 4 de outubro 2018.  O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, mantivo esta mañá unha xunta co Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz, na sede do órgao de conca en Ourense, onde lle trasladou unha serie de demandas co obxecto de cambiar a parálise das políticas anteriores en relación a asignaturas pendentes desde hai moito tempo.

En primeiro lugar, o parlamentar de En Marea solicitou ao Presidente da CHMS que aprobe Plans de rexeneración e recuperación de concas fluviais moi castigadas por constantes vertidos contaminantes como é o caso do río Barbaña que pasa por Ourense, e outros do territorio de Lugo: caso do río Pesqueira e o Azúmara.

O obxectivo é poder contar con ríos vivos

Neste sentido houbo total receptividade por parte do responsábel da CHMS quen lle anunciou que se vai levar a cabo un Estudo de avaliación sobre o estado do Barbaña, contratado cunha empresa por 253.000 euros. Compartiu con Miguel Anxo Fernán Vello a necesidade de proceder a unha recuperación ecolóxica e biolóxica do río, que se iniciaría unha vez rematado o Estudo. Ademáis, amosouse favorábel á petición de En Marea de que as posíbeis solucións á canle fluvial se abran á participación social. É dicer, que se conte coa participación da sociedade e das organizacións.

Fernán Vello lembrou que o río Barbaña é obxecto de ataques medioambientais desde hai moitos anos. “Rexístranse focos contaminantes desde o ano 2007, algúns deles de grande calado como o producido o pasado mes de maio cando se verteron máis de 5.000 litros de aceite. En xuño houbo máis vertidos, en agosto tamén e en setembro. Así sucesivamente”. Algo que tamén acontece noutros ríos que padecen a mesma desprotección como o Pesqueira.

O parlamentar de En Marea pediulle á José Antonio Quiroga, que a Confederación active medidas concretas, de xeito que non se quede todo no de sempre, que é tomar mostras e abrir expedientes. “Son necesarias medidas contundentes que frenen estos delitos medioambientais que acaban por matar os nosos ríos, e prexudican ao colectivo. Teñen un enorme impacto no entorno, na fauna, no medio ambiente. “Ao final acabamos tendo ríos mortos”. Neste eido, o Presidente da CHMS sinaloulle que a súa prioridade é a loita contra os vertidos contaminantes e a limpeza dos ríos.

Hai que lembrar que o río Barbaña leva  tempo sendo obxecto de preocupación “non só nos colectivos ecoloxistas máis sensibilizados senón tamén entre os habitantes da cidade, fartos de ver a degradación do seu río, a destrucción do seu ecosistema cando pasean polo entorno”. Enfatizou o feito de que se contabilicen xa máis de 75 denuncias. Razón pola que demandou que a sociedade e os colectivos ecoloxistas poidan aportar propostas á súa recuperación.