Novas

En Marea demanda unha investigación do Seprona polo vertido contaminante no río Azúmara esta fin de semana

COMISIÓN CULTURA RIBEIRA SACRA

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, considera que non se poden deixar pasar este tipo de delitos ambientais sen adoptar medidas.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/2f15b700-6029-4c4e-8760-f19a141c78cc/PREGUNTA_ESCRITA_CONTAMINACIÓN_RÍO_AZÚMARA.pdf

Madrid, 22 de marzo de 2017. O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demanda que o Seprona realice unha investigación do vertido de purín que esta fin de semana contaminou o río Azúmara na zona de Pol e até Castro de Rei.

“Abriu o Seprona unha investigación sobre este delito medioambiental? Cal é a orixe do episodio contaminante? Vaise penalizar con sancións aos responsábeis?”, son algunhas das preguntas que dirixe ao Goberno.

Ademais, quere saber se o vertido chegou ao río Miño na zona de Castro de Rei: “Contaminou as augas do Miño? Adpotáronse medidas para evitar que a contaminación acadase o Miño?”.

Fernán Vello explica na súa iniciativa parlamentar que a alerta por esta agresión medioambiental dérona os pescadores no amencer do domingo cando iniciaban a tempada de pesca en Ponte de Andión, na parroquia de Silva en Pol. “No exercicio da pesca atopáronse cunha grande mancha de cor negra que viña río abaixo, acadando a totalidade do seu caudal. Os pescadores avisaron ao servizo do Seprona da Garda Civil”.

Os vertidos contaminantes destrúen a riqueza do río

O deputado de En Marea amosa a súa preocupación por este atentado ecolóxico e porque o luns 20 a mancha contaminante estaba xa ás portas do río Miño ao seu paso por Castro de Rei. Fernán Vello resalta a riqueza do ecosistema deste río que na súa desembocadura destaca pola grande cantidade de troitas. “É unha zona de pesca”.

Miguel Anxo Fernán Vello lembra que xa no pasado mes de agosto produciuse outro vertido de purín no tramo final do río, que se encheu de peixes mortos. “Máis nada soubemos da autoría nin da súa procedencia nin se se fixo investigación”.

Para o deputado de En Marea é fundamental evitar que se repitan este tipo de feitos, e unha forma de paralos é abrir unha investigación e sancionar aos autores. Do contrario, sinala, haberá máis focos contaminantes porque non se adoptan medidas.

Ademáis, en casos como o descrito, os vertidos poden afectar á traída de auga potábel que se distribúe en varias parroquias.