Novas

En Marea denuncia o baixo nivel de investimento en Ourense nos Orzamentos do Estado 2018

47f59d11-c32f-49b9-b7f0-0dc4ba16d292

Os investimentos na provincia caen un 11,6%, que se suma ao forte recorte de 2017. 

Madrid, 3 de abril de 2018.- En Marea denunciou este martes que o 94% dos fondos estatais destinados a investimentos na provincia de Ourense “adícanse ao AVE”, o que compromete seriamente o mantemento e desenvolvemento doutras infraestruturas moi necesarias.

“Estes orzamentos deixan sen atender as urxentes necesidades existentes en materia de infraestruturas de comunicación e produtivas, ou equipamentos culturais, sociais e medio ambientais, aos que se dedican partidas irrisorias”.

Tan só 25 millóns de euros é o orzamento que o Goberno destina a outros investimentos fora do AVE, o que, ao entender dos deputados/as de En Marea no Congreso, “é unha cantidade totalmente insuficiente para cubrir as necesidades da cidade de Ourense e a súa provincia, máis tendo en conta o déficit acumulado que mantén este territorio desde hai anos.”

Nin AVE en 2019, nin variante exterior, nin estación intermodal

Aínda que parece que o ritmo dos investimentos no AVE aumenta, desde En Marea informan que as anualidades nos créditos indican que a chegada da alta velocidade a Galicia aínda se fará esperar. Ademais, engaden que “a variante de Ourense é outro tema, o orzamento consignado é o mínimo, e todo apunta a que se trata dunha cifra pintada sen que haxa un interese real por parte do goberno en comezar a desenvolver esta infraestrutura”.

“Resulta especialmente ilustrativo que non se destine nin un euro á tan anunciada Estación Intermodal de Ourense, o que dá idea do compromiso do Goberno central con esta cidade rexida polo mesmo partido”, sinalan os deputados.

O Museo Arqueolóxico seguirá pechado outra década

Tamén preocupa a En Marea o baixo nivel de investimentos no Museo Arqueolóxico de Ourense, “con só 400.000 euros e unha previsión de fin do proxeto en 2022, cando leva máis de 15 anos pechado por obras”.

“É penoso que un elemento tan importante do patrimonio ourensán non estea a disposición do desenvolvemento cultural e turístico da cidade”, engaden.