Novas

En Marea denuncia o boicot de Fomento aos portos galegos ao deixalos fóra das conexións ferroviarias de mercadorías con Europa

alexandra-fernandez-tribuna

A deputada de En Marea e voceira de Fomento no Congreso, Alexandra Fernández, considera que o Goberno “boicotea os portos galegos ao deixalos fóra das comunicacións ferroviarias europeas”.

Madrid, 15 de decembro de 2017. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, criticou o Plan de Impulso do Transporte de Mercadorias por Ferrocarril 2017-2023 que presentou este venres o Ministro de Fomento, para denunciar que Íñigo de la Serna boicotea os portos galegos ao deixalos fóra das comunicacións ferroviarias europeas.

Para a deputada de En Marea “Fomento está a boicotear o potencial estratéxico de Galicia na cornisa cantábrica e frea o seu desenvolvemento económico e as súas potencialidades futuras. Parece que para o Goberno do PP só existen os portos do Mediterráneo” e deixa a Portugal “todo o potencial atlántico”.

Alexandra Fernández sinala que o “noroeste do Estado, desde Vigo cara toda a cornisa cantábrica, é a única área desconectada da rede de mercadorías europeas. A falta de infraestruturas incrementa as asimetrías e os desequilibrios dentro do Estado”.

Ademais, censurou a aposta de Fomento pola potenciación do transporte de mercadorías por estrada, “para Galicia é un parche que non resolve os problemas estratéxicos e a alonxa aínda máis do déficit en materia de infraestruturas ferroviarias de mercadorías”.

Nese sentido, subliñou que non se soluciona “a conexión en rede de portos a través dun corredor perimetral atlántico-cantábrico, non se descentralizan as infraestruturas de xeito que se potencie a conexión de Galicia con Portugal e a cornisa cantábrica, onde se producen as maiores dinámicas de desenvolvemento económico e social”.

Por último, chama a atención a falta de concienciación ambiental: “cando Fomento renuncia a impulsar o ferrocarril e aposta polo transporte por estrada, renuncia a un medio menos contaminante. O cal demostra que non se toman en serio os retos fronte ao cambio climático”.

Alexandra Fernández asegurou que “este modelo de Fomento é nefasto para as comunicacións económicas do noso territorio con Europa”.