Novas

En Marea denuncia o “engano” do terceiro carril da AP9 e a afectación ao colexio A Igrexa

photo5971951699679619896

 

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, mantivo este luns unha xuntanza con representantes da Asociación de veciños de Chapela sobre o problema da afectación do terceiro carril da AP-9 ao colexio A Igrexa.

Vigo, 15 de xaneiro de 2017.  A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, mantivo este luns unha xuntanza con representantes da Asociación de veciños de Chapela e presentaron nunha posterior rolda de prensa a iniciativa rexistrada no Congreso sobre o problema da afectación do terceiro carril da AP-9 ao colexio A Igrexa.

“Aínda non hai data para o traslado do colexio ‘A igrexa’ pola afectación do terceiro carril. A solución de Fomento é vergoñenta porque este problema tiña que estar resolto antes da inauguración das obras de Rande”, asegurou a deputada, que insistiu en que na inauguración houbo “moita foto e posta en escena” pero estas cuestións importantes para a veciñanza de Chapela “quedaron invisibilizadas”.

A deputada explicou que o terceiro carril pasa pegado ao colexio, polo que “a solución pasa por trasladar o colexio a unhas novas instalacións, pero a día de hoxe non hai data para o traslado nin licitación e está en dúbida que para o novo curso haxa un novo colexio”.

“Esiximos explicacións a Fomento porque responde antes aos intereses de AUDASA que aos intereses da veciñanza de Chapela”, insiste Fernández.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de veciños e veciñas de Chapela, José Marcial Pérez agradeceu a iniciativa de En Marea e convocou á cidadanía de Vigo e a Bisbarra, e aos afectados pola AP-9 a unha manifestación o vindeiro 27 que comezará no centro de Saúde de Chapela e seguirá ata as Torres de Padín.

“Despois de 5 anos de obras que ninguén quería, atopámonos con que nin se repuxeron os viais, nin se trasladou o colexio. Os nenos dan clase a menos de 2 metros da autorestrada. Non se pode consentir”, insistiu Marcial Pérez.

A deputada de En Marea concluíu insistindo en que nas inauguracións de ampliación da AP9 “non se falou da alta sinistralidade da obra, nin da morte dun traballador, nin de que non resolve os problemas de tráfico no Morrazo, todo o contrario”.

“Cando se está inaugurando tan rápido sen ter resolto problemas como estes, significa que o Goberno prioriza a Audasa para que poda subir as peaxes e non ten en conta o benesta da cidadanía”.

Download (PDF, 120KB)