Novas

En Marea denuncia que detrás da ampliación de Rande hai abusos laborais e a morte dun traballador

nuevos-carriles

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, critica “os fastos da inauguración nos que non se fala da sinistralidade laboral nin dos incrementos das peaxes”

Madrid, 30 de decembro 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, criticou o que definiu como “os fastos de inauguración dunha ampliación de Rande que oculta unha grave sinistralidade laboral vivida durante as obras, as próximas subas nas peaxes e un proxecto que non vai solucionar os problemas de tráfico do Morrazo”.

A parlamentar de En Marea ironizou sobre “inauguracións a toda présa e a maquinaria de propaganda do PP que obvia o que hai detrás da ampliación de Rande: un proxecto que non resolve os problemas de tráfico que sofre o Morrazo, unhas obras nas que primaron os abusos laborais, a sinistralidade laboral, a morte dun traballador e a precariedade e o incremento das peaxes da que a propaganda non fala”.

“Ademais, oculta as próximas subas no pagamento das peaxes e os acordos que o Ministerio se trae coa concesionaria, á que lle agasalla todo canto pide, antepoñendo sempre os intereses da empresa privada aos intereses dos galegos e das galegas, ou aos intereses dos traballadores nas obras de Rande”, sinala Alexandra Fernández.

“O Ministerio de Fomento foi indiferente á grave sinistralidade laboral” 

Fernández considera “grave” a sinistralidade laboral que se produciu nestas obras. En xullo pediu unha investigación polo accidente laboral en Rande que se cobrou a vida dun traballador. Lamentablemente, “a resposta do Goberno denota unha total indiferencia e pasividade como se non tivese ningún tipo de responsabilidade mentras se executa obra pública” e relega toda actuación á investigación do xulgado, e indican na resposta que “ao Goberno non lle corresponde adoptar medida singular algunha contra a concesionaria”.

Ademais, a deputada denuncia que na resposta do Goberno chama a atención que recoñecen que se produciron “outros dous accidentes calificados como graves nestas obras”.

“Con estes antecedentes, o Goberno é quen de sinalar que non consta que a contratista das obras non cumpra coa lexislación en materia de traballo”.

Fernández lembra que as organizacións sindicais denunciaron os abusos e as condicións laborais precarias desde o inicio. “Desto non se fala mentras se cortan lazos de inauguración”, denuncia.