A deputada de En Marea Yolanda Díaz preguntou ao Goberno cando tiña pensado facerse cargo da ribada, da que se desprende o firme; o Goberno desenténdese e di que non é competencia súa
Madrid, 23 de agosto de 2018. O Goberno non quere facerse cargo da ribada que discorre paralela á via do tren, ao seu paso por Santa Mariña, así como das ribadas dos laterais da AP-9 no seu acceso norte.
A deputada Yolanda Díaz presentou o pasado marzo unha pregunta escrita ao Goberno do Partido Popular na que solicitaba o acondicionamento destas dúas ribadas, situadas ambas en dous dos principais accesos á capital de Ferrolterra.
Na resposta rexistrada ante o Congreso polo Goberno de Sánchez o pasado 27 de xullo, o Ministerio fai caso omiso ás peticións de En Marea. No caso do acceso norte da AP-9 a través da rúa Loureiros, Fomento aduce que os viais aos que se fan referencia na pregunta “non forman parte da estrada estatal FE-15”, e que polo tanto, non é a súa competencia facerse cargo do mesmo.
Sen embargo, o Goberno trabúcase á hora de identificar as estradas ás que fai mención a pregunta da deputada Díaz. Segundo os rexistros do Concello de Ferrol, a devandita rúa non figura no inventario de bens municipais; moito menos a AP-9 ou FE-15, de titularidade estatal.
No caso da ribada que linda coas vias de tren, o Goberno vais máis alá e descarga a responsabilidade do arranxo sobre o Concello de Ferrol. Alega neste caso ADIF que a rede de sumidoiros pluviais se atopa en mal estado “vertendo auga á ribada e producindo o lavado do mesmo”.
De novo o Goberno estatal confunde atribucións. Segundo o mapa de deslindes de ADIF, ese terreo é competencia seu. Do mesmo xeito, o Concellos xa se comprometeu a facerse carga da construción dunha nova pasarela sobre as vías, e encargou un informe, presentado ante o organismo público, que desminte as supostas filtracións de augas dos sumidoiros.
Díaz denuncia que esta é unha nova mostra do desleixe do Goberno central cos ferroláns. “O Goberno deulle as costas a esta cidade e aos seus habitantes este verán, como xa vimos coa Muralla ou o Edificio de Aduanas”, asegura a deputada. “Ata cando imos estar así? Desde En Marea seguiremos a traballar para poñer solucións aos problemas da cidade”.