Novas

En Marea denuncia que o Goberno segue esquecendo a Pontevedra nos Orzamentos do Estado

7c0ecc10-017e-4d19-9f7d-149b83629577

A deputada de En Marea, Ángela Rodríguez, denunciou que “son uns orzamentos humillantes para a nosa cidade. Só 1 millón de euros é para a cidade de Pontevedra”.

Pontevedra, 4 de abril de 2018. A deputada de En Marea, Ángela Rodríguez, valorou este mércores en rolda de prensa o proxecto de Orzamentos do Estado presentado polo Goberno de Mariano Rajoy.

“Son uns orzamentos humillantes para a nosa cidade. Dos máis de centos de miles de millóns que cada ano se invisten, só 1 millón de euros é para a cidade de Pontevedra”, sinalou a deputada, destacando que estes orzamentos “confirman unha serie de recortes que se veñen consolidando nos últimos anos”.

“Hai unha decisión política do que se fai con estes cartos que non compartimos. En relación á A-57, hai un investimento de 15 millóns de euros nunha autoestrada que non está pedindo a cidadanía. Preocúpanos que cando hai unha maioría social e parlamentaria que pide a transferencia da AP-9, deciden investir nunha autoestrada que ninguén está pedindo. Non sería necesaria se a AP-9 estivese liberada”, asegurou Rodríguez.

A única partida para cidade de Pontevedra, “é para o enlace de Pontevedra Norte, coñecido como o Nó de Bombeiros, unha obra longamente demandada na cidade”.

A deputada fixo unha profunda crítica ao pouco investimento na cidade: “un millón de euros para unha capital de provincia, coa situación de desemprego e exclusión social que ten, é totalmente insuficiente. Debería darlle vergonza a Feijóo e Rajoy, que precisamente é desta cidade”.

Rodríguez salientou que no resto do plan de Orzamentos “non se suplen as necesidades da provincia”.

“Non se están atendendo ás demandas e necesidades da cidade e da provincia. Pontevedra precisa de investimentos en infraestruturas sociais, culturais e de mobilidade que parece ser non se estiman importantes polo Partido Popular”, destacou.

Entre estes investimentos, destaca “as melloras na accesibilidade da Estación, a construción dunha rotonda nas Pontes, ou a rehabilitación de edificios abandonados, como o de Facenda ou o da Garda Civil, para destinalos a usos sociais”.

Ademais, salientou que “hai partidas ridículas como o gasto no porto de Marín e Pontevedra. É un gasto insuficiente de 5 millóns de euros”, denunciou.

“Estes orzamentos non están pensados para a xente, consolidan os recortes. Presentaremos unha alternativa a través de emendas, para apostar por uns orzamentos para a xente, con sostibilidade e enfoque de xénero”, destacou a deputada.