Novas

En Marea denuncia que o veto do Goberno á PL Gardacostas está sustentado en datos falsos

photo5810046976107064607

O grupo de En Marea no Congreso rexistrou un recurso de reconsideración ao veto do Goberno.

A Coruña, 26 de febreiro de 2017. Os deputados de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, xunto aos representantes sindicais Roberto Varela, secretario xeral da CIG autonómica e Xoán Canedo, Gardacostas e presidente do comité de empresa de Pontevedra, informaron este luns das medidas a adoptar no Congreso após o veto do Goberno á Proposición de Lei para a asignación de coeficientes redutores na idade de xubilación ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

En Marea anunciou o rexistro este mesmo luns dun recurso de reconsideración á Mesa do Congreso para intentar levantar o veto do Executivo, porque están usando “datos falsos”.

Os deputados de En Marea denunciaron que o Goberno cifra o servizo en 239 empregados, cando o colectivo afectado tan so afecta a 142 traballadores/as, e o resto de son empregados da empresa privada Remolcanosa ou veterinarios e veterinarias do servizo.

“O Goberno vetou a lei para a asignación de coeficientes redutores na idade de xubilación dos Gardacostas. Estamos ante unha anomalía democrática. O Goberno utiliza o veto para impedir a tramitación de calquera proxecto de Lei que poida ser relevante”, denunciou Gómez-Reino, destacando a “situación de bloqueo da capacidade de actuación da cámara lexislativa”.

 A deputada Yolanda Díaz insistiu en que neste caso “é especialmente doloroso” porque o PP “está a xogar cos traballadores e traballadoras”.
“Esta iniciativa presentouna o PP como PNL no Parlamento galego, pero non se molestaron en facer unha Lei.  Agora, o PP en Madrid veta o seu debate demostrando que despreza a Galicia e particularmente a Feijóo”.

Díaz insistiu en que este é un “agravio a Galicia” porque “estamos a falar dun corpo específico do noso país”.

Os deputados de En Marea sinalaron que con este veto, o Goberno “está impedindo o debate lexítimo nunha cámara democrática”.

“É evidente que as razóns do Goberno para vetar non se dan. Son fraudulentas. Estase a producir un agravio directo, por iso presentamos un recurso de reconsideración á Mesa do Congreso e falaremos con todos os grupos, porque se Ciudadanos non fai a pinza co PP, levantaríamos o veto”.

Pola súa banda, aos representantes sindicais Roberto Varela, secretario xeral da CIG autonómica e Xoán Canedo, Gardacostas e presidente do comité de empresa de Pontevedra, aseguraron que o escrito do veto “é unha chapuza”.

“O Goberno argumenta o veto con datos falsos, e ademais non afectaría ao orzamento en marcha nin todos os traballadores se acollerían á xubilación anticipada neste ano ou no seguinte”, sinalaron.
“O Goberno de Madrid vétanos o dereito do coeficiente redutor. En Madrid recórtanos os dereitos e o PP de Galicia métenos as obrigas. Temos obrigas pero non dereitos. É incompresíbel”, denunciaron os sindicalistas.
En Marea pedía modificar a disposición adicional 27 da Lei 8/2010 para que se establecesen coeficientes redutores do 0,15 no servicio de Gardacostas de Galicia.