Novas

En Marea denuncia unha nova negativa de Fomento para falar das infraestruturas de Ferrol

photo5974382333341575882

A aplicación do 155 en Cataluña ou as vacacións do Secretario de Estado de Infraestruturas son algunhas das excusas argumentadas polo Ministerio para non axendar unha xuntanza e falar das cuestións que atinxen ao concello de Ferrol.

Ferrol, 26 de decembro de 2017. A deputada e voceira de En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, reiterou esta mañá a solicitude de reunión co Secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Julio Gómez-Pomar, para falar de varios temas relacionados coas infraestruturas viarias do Concello de Ferrol, pero de novo, a deputada de En Marea volve recibir resposta negativa á mesma.

A deputada xa enviou a primeira solicitude o 28 de xullo de 2017, e tras varias insistencias a resposta por parte do Ministerio sempre foi negativa, con diferentes excusas. A máis sorprendente foi que “o Secretario de Estado estaba centrado nos temas de Cataluña e non axendaba xuntanzas para tratar outros asuntos”.

No día de hoxe, a resposta foi que o Secretario de Estado estaba de vacacións e que ata que regresara, despois do Nadal, non se abriría de novo a axenda para contemplar posibles datas para a xuntanza.

Díaz solicitara esta xuntanza para coñecer en que situación se atopa a sinatura do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Ferrol para levar a cabo os proxectos de transformación da avenida de As Pías (FE-14), da estrada A Trincheira (FE-11) e da avenida de Nicasio Pérez (FE-13), así como a transferencia de titularidade ao Concello de Ferrol destas estradas estatais que pasarían así a converterse en vías urbanas. Na súa solicitude de reunión, a deputada insistía en coñecer os prazos ou data prevista para a sinatura do mencionado convenio así como os motivos que están a orixinar a demora do mesmo.
A parlamentar de En Marea solicitou esta entrevista tras presentar varias iniciativas parlamentarias no Congreso dos Deputados instando ao Goberno a levar a cabo as mencionadas obras así como a urxente sinatura do convenio, peticións ante as que só recibiu como resposta, “que non existía ningún convenio asinado en materia de estradas entre as dúas administracións”, e que pola súa banda, o Ministerio de Fomento “estaba a redactar os proxectos remodelación da Avenida de As Pías (FE-14) para o que existía partida orzamentaria nos Presupostos de 2017”.
A piques de rematar o ano en curso, sen embargo, o Ministerio segue co seu inmobilismo respeto ás peticións da cidadanía e das administracións local ferrolanas, sen levar a cabo ningún tipo de actuacións en materia de insfraestruturas e sen recibir, nin sequera, aos seus representantes nas diferentes institucións. De feito, a partida orzamentaria destinada aos mencionados proxectos vai quedar, de novo, sen executar, ao igual que fixeron outros Ministerios coas partidas destinadas a diferentes actuacións na comarca de Ferrolterra.
A deputada de En Marea denuncia, unha vez máis, o desleixo que o Ministerio de Fomento mantén coa cidade de Ferrol, xa que “está a incumprir coa sinatura dun convenio que é vital para a nosa cidade, unha demanda histórica da cidadanía de Ferrol que ten que ver coa adecuación da Avenida das Pías para convertela nunha infraestrutura que forme parte xa da nosa cidade, unha actuación que cambiaría a faciana de barrios elementais de Ferrol e sería parte importante para a integración de distintos barrios”.