Novas

En Marea destaca a presión política e institucional para conseguir tumbar o veto á PL da transferencia da AP-9

AlexandraRPAngrois

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, celebra que por fin se levante o veto para o debate no Congreso da PL de transferencia a Galicia da AP-9, grazas aos recursos presentados por En Marea.

Ademais, lamenta que “o PP continúe co duplo xogo, votando a favor no Parlamento galego e en contra de levantar o veto na xunta de portavoces do Congreso. Feijóo é un títere de Génova”

Madrid, 13 de xuño 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, amosou a satisfación de En Marea porque na xunta de portavoces da Cámara Baixa “se deran os pasos favorables para que a proposición de lei de En Marea siga a tramitación normal e teña vía libre para ser debatida nun Pleno”.

A deputada destaca que “grazas aos recursos presentados e á presión que exercemos para tumbar os reiterados vetos do anterior Goberno do PP e o bloqueo por parte da Mesa do Congreso, agora ábrese un novo escenario que nos permitirá levar a debate e votación a proposición de lei de transferencia da Autopista do Atlántico AP-9″

En Marea resistiuse sempre aos vetos

Alexandra Fernández explica que tras os vetos do Executivo de Rajoy ás proposicións de lei do Parlamento Galego, En Marea decidiu presentar as súas propias proposicións de lei para axilizar o proceso ante os dilatados prazos que se abrían, pero “todo o que presentamos respecta en todo momento os acordos do Parlamento galego”.

“Somos as únicas que trasladamos a posición que se defende en Galicia ás Cortes”, insistiu a deputada.

Así, destaca que presentamos unha proposición de lei o pasado 26 de xaneiro que foi vetada en marzo por Moncloa e bloqueda pola Mesa da Cámara Baixa. “Sempre nos resistimos a este tipo de vetos anti democráticos que non tiñan un fundamento solvente nin serio, eran vetos puramente políticos. Esa foi a razón de que presentásemos un escrito de reconsideración perante a Mesa que é o que onte votou favorabelmente a Xunta de Portavoces, contando só cos votos en contra do PP”.

Na nosa estratexia de insistencia e de non darnos por vencidas, sinala Fernández, “voltamos rexistrar unha proposición de lei de transferencia da AP-9 o pasado 26 de abril. Precisamente onte remataba o prazo para que o Goberno dese unha contestación ao respeito e esta última iniciativa de En Marea non foi vetada polo Executivo, co cal, o labor de presión política e institucional de En Marea deu os seus froitos”

Por un lado, desbloquése a nosa proposición de lei presentada o pasado xaneiro e por outro, non se veta a que voltamos rexistrar a finais de abril.

Fernández amosa a súa satisfación porque “por fin logramos romper cos vetos anti democráticos do anterior Executivo e da Mesa do Congreso”.

Ao tempo “lamenta a actitude e o voto en contra do PP, que contradí a Feijóo e tamén aos populares de Galicia: “Votan unha cousa en Galicia e logo nas Cortes fan a contraria”.

“Este duplo xogo do PP no fondo indica que Feijóo é un home de Génova, entregado aos intereses partidistas e non aos intereses dos galegos e das galegas. É incapaz de manter un voto coherente co explicitado na Cámara galega. O PP é un fraude para Galicia, non lle interesa o pais, só a carreira para ocupar o liderado do partido”.

A deputada de En Marea pon de manifesto que En Marea ten o propósito de levar a debate e votación a proposición de lei de transferencia da AP-9 a unha sesión plenaria do próximo periodo de sesións.