Novas

En Marea dirixe iniciativas no Congreso á CHMS para que asuma as responsabilidades financeiras en Ponte Ribeira (Sarria) e na depuradora

photo5942768857192180681

O deputado Fernán Vello critica que a CHMS “pretenda facer permutas de actuacións en Sarria que son da súa obriga” e demándalle que non eluda as súas responsabilidades. “Non pode facer trampas”

Madrid, 17 de setembro 2018. O deputado de En Marea no Congreso por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha batería de preguntas dirixidas á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) para que “deixe os exercicios de permutas” e asuma “as súas reponsabilidades financeiras na reparación de Ponte Ribeira en Sarria.

O parlamentar de En Marea pide ao Ministerio de Transición Ecolóxica que se poña fin “ás resistencias do órgao de conca nas súas obrigas de implicarse financeiramente na rehabilitación da ponte e a súa área”. Fernán Vello censura que a CHMS “se lave as mans e pase a pelota ao concello cando é unha actuación da súa responsabilidade por tela deixado inacabada”.

“A CHMS non pode facer trampas”

Neste sentido, lembra que foi en 2013 cando se subscribiu o Convenio entre a CHMS, Augas de Galicia e o concello de Sarria par a adecuación da canle e ordenación das marxes dos ríos Sarria e Celeiro no núcleo urbano de Sarria. As actuacións remataron en 2015 pero ficou pendente a parte relativa á ponte de Ribeira. “Desde hai catro anos a ponte está pechada o que provoca importantes trastornos e problemas aos veciños e veciñas da vila”. 

Ademais, destaca que non hai que esquecer que Ponte Ribeira forma parte do Camiño de Santiago e  ten o recoñecemento de BIC. E o bosque de ribeira está incluido como hábitat prioritario de Interese Comunitario de Bosques fluviais.

O deputado de En Marea censurou á CHMS polo intencionado debate aberto en relación aos seus compromisos con Sarria, porque “non só elude as súas responsabilidades na reforma de Ponte Ribeira, senón que se permite un exercicio de permuta indicando que trataría de compensar a Sarria con outras actuacións como fondos para a depuradora”.

Fernán Vello critica este proceder advertindo que “as dúas actuacións son obrigas da CHMS e non caben cambios dunha pola outra. Por un lado ten que aportar os fondos para Ponte Ribeira, e por outro, ten que implicarse con maior peso financeiro na depuradora. Son dous proxectos distintos que requiren dos investimentos pertinentes sen trampas ou exercicios de substitución dunha pola outra”.

“É consciente de que a reforma de Ponte Ribeira é unha actuación da súa órbita competencial que ten que asumir sen demoras? Vai aportar partidas económicas suficientes para a depuradora que adoece de importantes carencias? Vai cumprir cos compromisos e as obrigas que ten para con Sarria?”, son algunhas das preguntas que formula ao Ministerio de Transición Ecolóxica.

Download (PDF, 103KB)