PNL mellora da liña Ferrol – A Coruña
https://bit.ly/2Sd7bor
PNL mellora da liña Ferrol – A Coruña
https://bit.ly/2R7YcHN
Pregunta sobre o estudo do By-pass
https://bit.ly/2LuMiT9
Madrid, 20 de decembro de 2018. Os deputados e deputadas de En Marea no Congreso mantiveron unha xuntanza este xoves no Congreso co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez; o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias e o coordinador federal de Izquierda Unida, Alberto Garzón, para tratar a importante cuestión do tren de cercanías entre a cidade da Coruña e Ferrol.
“A conexión entre A Coruña e Ferrol é algo básico, pedímoslle ao Goberno que saque adiante os Orzamentos e que inclúa unha partida para a mellora da conexión”, explicou o voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, xa que “é unha infraestrutura que precisa un apoio económico notable e asumible dende o punto de vista de En Marea”.
A deputada ferrolá, Yolanda Díaz, explicou que se trata dunha liña que non se modifica dende hai máis de 100 anos e que afecta a máis de 600.000 galegas/os en dúas cidades que están necesidatas desta liña. Por iso desde En Marea voltamos a presentar iniciativas para esixirlle ao Goberno que se comprometa con este tren”
O alcalde de Ferrol asegurou que se trata dunha reivindicación que ten detrás “anos de mobilizacións” porque “é un tema social que só pide que un traxecto de 50 km sexa digo e áxil”.
“É agora o momento, levamos anos de desleixo nos que Ferrol case non figura no mapa. A veciñanza demanda unha solución e que se garanta o dereito á mobilidade, un dereito que sitúa a Ferrol no mapa e serve para recuperar a poboación que tiña Ferrol nos anos 80. Agardamos que nos Orzamentos, grazas ao apoio de En Marea, poida ter unha consignación orzamentaria firme que permita a mellora das infraestruturas para competir co vehiculo privado”, afirmou Suárez.
Despois da xuntanza, os deputados de En Marea rexistraron varias iniciativas, entre elas dúas proposicións de lei para o seu debate en Comisión e pleno relativas ao inicio do estudo informativo da actuación do by-pass de Piadela (Betanzos) na liña ferroviaria Ferrol-A Coruña e outras actuacións para a mellora da liña.
A iniciativa pide que se redacte, de xeito urxente, este estudo informativo da actuación do by-pass de Piadela, unha actuación que se dotou con 200.000 euros nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 e con previsión de dotación doutros 200.000 euros en 2019.
Ademais, pide incluír na Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2019 unha dotación orzamentaria suficiente de cara ao comezo inmediato na execución do proxecto de construción deste by-pass de Piadela.
En Marea solicita ao Goberno que inclúa tamén nos Orzamentos, e así llo fixo constar, unha partida para mellorar o trazado en radio de curvas para mellorar a velocidade e seguridade dos servizos ou para aumentar o número de circulacións e mellorar as cadencias, con intervalos de tempo fixos en función do tipo de horario.
Tamén para os desdobles da vía en diferentes tramos e para electrificar a liña para permitir a circulación de trens con mellores prestacións, menor impacto ambiental e maior seguridade.
Alén diso, a iniciativa solicita que se coloquen apeadoiros en núcleos de poboación importantes e que se dote de aparcamento en zonas da estación.