As deputadas e deputados galegos presentan, xunto ao resto do Grupo Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, un documento ao Goberno no que propoñen medidas encamiñadas a romper coa austeridade e recuperar os servizos públicos. “Ou ben deixamos atrás o dogmatismo cruel coa xente”, argumentan, “ou ben se mantén unha continuidade coa senda do Partido Popular”
Esta mañán o grupo confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea enviou ao Goberno un documento titulado “Deixar atrás a austeridade” no que se recollen unha serie de propostas para afrontar a votación da senda do déficit. Tras o fracaso do primeiro intento o pasado mes de xullo, Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea propón un pack de medidas anti-austeridade para poder plantexarse a posibilidade dun voto a favor.
Entre elas, cabe destacar a renegociación do déficit con Bruselas ou a derogación da Lei de Estabilidade Presupostaria que impón, entre outras cousas, o pago da débeda á banca por diante dos servizos públicos ou a necesidade de aprobar a senda do déficit no Senado, outorgando así o poder absoluto ao Partido Popular neste tema.
Do mesmo xeito, Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea piden ao Goberno a relaxación da regra de gasto que traslada a austeridade aos concellos, a derogación dos decretos de racionalización do gasto que afogan a sanidade, a educación e a ley de dependencia ou o aumento dos ingresos do Estado mediante un aumento da imposición aos que máis teñen e ás grandes corporacións.
Segundo fontes do grupo parlamentario, tras enviar estas propostas ao Goberno, quedan á espera dunha resposta, como inicio dun diálogo que se prolongará ao longo do mes de agosto e que esperan remate nunha aposta valente por parte do Goberno dunha axenda anti-austeridade que permita deixar atrás aos recortes do Partido Popular.
“Hai básicamente dúas opcións”, argumentan. “Ou ben deixamos atrás o dogmatismo cruel coa xente humilde e absolutamente fracasado en termos económicos da austeridade e sentamos as bases para poder negociar uns Presupostos Xerais do Estado que rematen cos recortes e empecen a sacar aos cidadáns da precariedade ou ben se mantén unha continuidade coa senda do Partido Popular cunha pouca maquillaxe”. Se o Goberno quere o apoio de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea á senda do déficit, débese constatar unha aposta clara pola primeira opción.