Novas

En Marea escoita ao sector pesqueiro de Burela e comprométese a levar as súas demandas ao Congreso

photo5965420690804944764

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello mantivo este mediodía unha xunta con Armadores de Burela e co presidente da Organización de Produtores Pesqueiros na que abordaron cuestións como as cotas pesqueiras, a necesidade de aplicar o IVE super reducido ao peixe, o impacto do Brexit e sostenibilidade

Madrid, 5 de febreiro de 2019. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, mantivo este mediodía unha xunta con representantes de Armadores e da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela nas dependencias do porto co obxectivo de abordar as distintas problemáticas e cuestións que afectan ao sector da pesca deste importante porto de pesca fresca de A Mariña.

O deputado de En Marea levaba na carteira unha serie de preguntas relativas á avaliación que fai o sector pesqueiro de Burela do Acordo da UE de decembro pasado sobre o reparto de cotas de pesca, nomeadamente o interese polas cotas da pescada e a prórroga do peche da cigala do Cantábrico, e outras especies de interese como a xarda. Ademáis de interesarse pola briga da UE de ter que desembarcar todas as capturas. Unha vez aprobada a distribución de cotas pesqueiras na UE, Fernán Vello interrogounos polo reparto das cotas no estado español e as posibilidades de pesca das distintas especies para o secto de Burela e da Mariña.

Outro dos temas que puxo sobre a mesa é a afectación do Brexit, as políticas de sostenibilidade e interesouse especialmente pola evolución da costeira do bonito. A costeira do bonito foi a menos aínda que o Porto de Burela segue a ser un porto de referencia deste produto pesqueiro. A súa lonxa e os comercializadores sostéñena como mercado de referencia de bonito. Finalmente, preguntoulles por unha iniciativa do sector de Burela que se coñeceu en 2018 e que foi innovadora no eido de apostar pola sostenibilidade: a Guía das Boas prácticas. 

O sector pide un  IVE super reducido para o peixe como ben básico de consumo

O sector explicou ao deputado de En Marea algunhas das súas demandas como a necesidade de facilitar a contratación de persoas estranxeiras para componer as tripulacións dadas as dificuldades de atopar xente no pais que queira embarcarse ou ir ao mar. Piden asemade que se aplique o IVE super reducido ao peixe por consideralo un produto básico de consumo que debe estar en todas as dietas alimenticias. Ademáis, é unha medida que permitiría incentivar o seu consumo.

No que atinxe ao posíbel impacto que causará o Brexit nas distintas frotas de pesca, sinalaron que vai depender de se hai acordo ou se opta por un Brexit “duro”. 

Trasladaron ao parlamentar de En Marea as súas queixas polo pouco peso que teñen nas negociacións onde se abordan asuntos que lles atinxen. Salientaron a aposta do sector pesqueiro de Burela por manter os estándares de calidade do peixe e dos produtos pesqueiros, algo que se reflexa nos métodos de pesca que empregan, por exemplo hai 29 barcos de pincho e 1 de volanta.

Fernán  Vello tomou nota das demandas do sector de Burela e comprometeuse a levalas ao Congreso mediante iniciativas parlamentares.