Novas

En Marea esixe ao Goberno de Rajoy información sobre o futuro de Elnosa

COMPLEJO INDUSTRIAL ENCE ELNOSA EN LOURIZAN

En Marea insiste en coñecer se a empresa está preparada para continuar coa súa actividade, após negativa do Executivo a dar información sobre a adaptación da empresa á normativa europea

Pontevedra, 9 de xaneiro de 2018. O Goberno ven de responder hoxe a En Marea sobre o futuro das empresas produtoras de cloro, que deben ter adaptadas desde o pasado 11 de decembro a súa tecnoloxía, en cumprimento da Directiva Europea 2010/75/UE.

De novo o Executivo que preside Mariano Rajoy evita responder sobre o futuro de Elnosa, aducindo a que non entra a valorar as decisións empresariais tomadas dentro da súa liberdade de actuación sobre o alcance dos investimentos ou calendarios das mesmas. O grupo parlamentario de En Marea no Congreso volve criticar esta actitude do Goberno, que vive de costas á nosa industria, cando debería ser o maior controlador do cumprimento das normativas.
En Marea denuncia, así, a desidia do Executivo que preside o pontevedrés Mariano Rajoy, ante a súa negativa a informar sobre as medidas adoptadas polo Goberno para esixir o cumprimento da regulación europea. De feito, a única resposta ofrecida é que a propia Directiva europea deu xa un amplo marxe ás empresas industriais para a súa adaptación ás novas tecnoloxías limpas esixidas para a fabricación do cloro por membrana e abandonando a anterior producción usando mercurio.
A única información facilitada polo Goberno a este respecto é que durante o periodo de adaptación varias empresas decidiron acometer investimentos para o cambio nos procesos de producción e que o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, ofreceu, a este respecto, a posibilidade de acceder a préstamos de fomento da competitividade industrial para acometer estes cambios.
Debido á escasa información facilitada, En Marea volveu presentar hoxe iniciativas parlamentarias para coñecer qué empresas adaptaron a súa tecnoloxía e cales recibiron axudas estatais para facelo.
No caso de Elnosa, En Marea pregunta polas consecuencias medioambientais que pode ter para o entorno da industria clorera as medidas que conleva a adaptación da producción, en caso de producirse, xa que implicará tanto un aumento de auga como de augas residuais.
O grupo parlamentario de En Marea no Congreso volve denunciar, asemesmo, a política de portas xiratorias que xa se produciu en ENCE, e que se volverán repetir en Elnosa, para garantir a continuidade dunha empresa altamente contaminante. Desde En Marea esíxese un cambio productivo na comarca, e no resto do país, insistindo en que o Goberno debe comezar a explicar cal é o futuro industrial do noso país, e a que nos imos adicar nun futuro.

 

Download (PDF, 112KB)

 

Download (PDF, 30KB)