Novas

En Marea esixe ao Goberno o cumprimento dos requerimentos da inspección de traballo no CAMF Ferrol

photo5996830679993789462

A deputada Yolanda Díaz vén de rexistrar novas preguntas tras recibir resposta do Executivo de Pedro Sánchez na que non se vislumbra solución ás contratacións irregulares.

Iniciativas:

Pregunta relativa ás irregularidades na contratación temporal do persoal do CAMF en Ferrol

https://bit.ly/2Nvul6F

Pregunta escrita CAMF Ferrol
https://bit.ly/2O4R6ja

Resposta sobre o CAMF de Ferrol
https://bit.ly/2LoIEg0

PNL Comisión Derogación Instrucción CAMF
https://bit.ly/2uMAsMn

PNL comisión OEP CAMF
https://bit.ly/2LnJZnk

PNL comisión INCREMENTO PLANTILA CAMF
https://bit.ly/2uz6ufc

Ferrol, 20 de xullo de 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, vén de rexistrar  unha nova batería de preguntas co fin de coñecer as medidas que vai adoptar o Goberno en relación á sucesión de contratacións irregulares que se están a dar non CAMF Ferrol dende hai varios anos, actuacións que contan xa con dous requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social de A Coruña instando a que se poña fin de xeito inmediato a estas irregularidades.

Díaz rexistrou estas iniciativas tras recibir resposta do novo Goberno do PSOE, na que, aínda que se recoñecen as irregularidades detectadas, non se ofrece solución ao respecto. O máis grave, segundo denuncia a deputada de En Marea, é que o Executivo de Pedro Sánchez afirma nesta resposta que “en ningún caso o Imserso incumpriu o requirimento da Inspección de Traballo e que as necesidades de persoal pola acumulación de tarefas súplense con contratacións temporais de acordo coas modalidades de contratación que establece a lexislación vixente”, cando pola contra o organismo inspector sinala no segundo requerimento á segunda denuncia do Comité de Empresa do CAMF Ferrol (xuño 2018) que “o contrato eventual que se emprega por acumulación de tarefas de carácter conxuntural derivado de déficit de persoal por insuficiencia de vacantes/insuficiencia de persoal, tendo en conta que se emprega de maneira permanente desde hai un ano, perde a natureza de conxuntural para converterse en estrutural, polo que NON resulta admisible a cobertura destes postos con contratos desta natureza”

Así, a deputada de En Marea insta ao Goberno a cumprir cos requerimentos da Inspección de Traballo e a manter xuntanza co Comité de Empresa do CAMF Ferrol co fin de coñecer, de primeira man, as demandas e necesidades da plantilla.

Finalmente, Yolanda Díaz lembra que xa foron numerosas as iniciativas presentadas por En Marea no Congreso para tentar buscar unha solución a esta problemática, xa que o feito de que nos últimos 5 anos só no CAMF Ferrol se realizaron máis de 2600 contratos por circunstancias da produción, todos cunha duración inferior a 15 días, provoca precariedade laboral e unha mala prestación do servizo.

Así, En Marea rexistrou ata tres Proposicións non de Lei no Congreso dos Deputados. A primeira delas para instar ao Goberno ao cumprimento dos requerimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social de A Coruña, a utilizar contratos de interinidade para realizar substitucións, que son os que mellor se axustan ás necesidades da empresa, do persoal e das persoas usuarias do Centro de Atención a Persoas con Discapacidades Físicas de Ferrol, e a cubrir, de forma definitiva, as numerosas prazas vacantes que existen no CAMF Ferrol e que son necesarias para atender ás persoas residentes e usuarias do mesmo.

A segunda PNL de En Marea insta ao Goberno a convocar, de forma urxente, a Oferta de Emprego Público (OEP) de persoal laboral fixo para o CAMF Ferrol dos anos 2016 e 2017, que aínda están sen publicar, así como a deste ano 2018, no ámbito do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso). A este respecto, e na resposta recibida pola deputada Yolanda Díaz, ou Goberno afirma que as OEP de 2016 e 2017 se están a tramitar na actualidade, pero sen máis concreción, e non mencionada nada ao respeto da de 2018.

Finalmente, na terceira das Proposicións non de Lei rexistradas, En Marea esixe a derrogación, de forma inmediata, da Instrución das Secretarías de Estado de Facenda e Orzamentos e para a Función Pública sobre procedemento de autorización de contratos de persoal laboral, nomeamento de funcionarios interinos e de persoal estatutario temporal, de data 17 de novembro de 2010, tendo en conta que na Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2018 incorporou, no seu artigo 19, a posibilidade de que as Administracións Públicas que no exercicio anterior cumprisen os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública e a regra de gasto, terán unha taxa de reposición do 100 por cento.