Novas

En Marea esixe á Armada que paralice as obras de desguace do Casón

photo6023795279247026642
Yolanda Díaz denuncia que o Goberno desoe as peticións da cidadanía da Costa da Morte.
A Coruña, 22 de xullo de 2017. En Marea rexistrará varias iniciativas no Congreso dos Deputados esta semana para esixir á Armada que reconsidere a súa decisión de desguazar os restos do buque panameño Casón, embarrancado desde hai case 30 anos fronte ás costas de Fisterra.
Neste senso, a voceira de En Marea na Cámara Baixa, Yolanda Díaz, denuncia o caso omiso que o Goberno fai tanto á cidadanía como ás institucións locais, que levan tempo solicitando que non se proceda á extracción do fondo mariño os restos deste barco que xa se converteu nun biotopo, e pide que se considere tanto ao Concello de Fisterra como á Asociación de Veciños de Fisterra Costa da Morte como partes interesadas neste proceso.
Yolanda Díaz sinalou que os restos do Cason xa son patrimonio cultural sumerxido da Costa da Morte, aínda que legalmente non poda ser declarado así pola Unesco ata que se cumpran os 100 anos do afundimento do mesmo, e destacou a importancia social e turística que teñen estes restos para a Costa da Morte, xa que son numerosos os visitantes que se achegan a diario para coñecer o lugar do embarrancamento, e incluso se fan viaxes submariñas para coñecer os restos do naufraxio.
Ademais, e tal e como denuncian tanto a cidadanía como as institucións da Costa da Morte, a retirada destes restos polos danos que isto podería ocasionar ao medio mariño e á pesca, xa que depois de 30 anos de afundimento xa que consolidou un biotopo -refuxio de moitas especies e alimento doutras-, polo que non ten sentido destruilo co único fin de aproveitar os restos metálicos, xa que o dano que se lle fará ao medio natural e pesqueiro é moito maior que o valor destes restos.
Díaz destacou que “estes restos tampouco supoñen xa ningún perirgo para a navegación polo lugar e profundidade nos que se atopan”, e insta ao Goberno a respetar o sentimento maioritario de que o pecio do Casón permaneza no fondo da Costa da Morte, xa que forma parte da historia recente de Fisterra e da Costa da Morte e da xente que o viviu e o sufriu, e existen, ademais, argumentos ambientais e turísticos para deixalo onde está.
Finalmente, En Marea insta ao Goberno a fomentar e colaborar no desenvolvemento de actividades turísticas e visitas guiadas á zona do afundimento do buque Casón, na zona punta de Castelo, no concello de Fisterra; así como a crear un Museo dos Naufraxios na Costa da Morte ao que se incorporen os restos do Casón xunto a moitos outros barcos que permanecen afundidos no fondo da Costa da Morte.