Novas

En Marea esixe a Fomento a licitación das actuacións para a cesión de varias infraestructuras viarias ao Concello de Ferrol

ÑÑÑ

Yolanda Díaz solicitou hoxe entrevista co Secretario de Estado de Infraestructuras para coñecer a que se debe a demora na sinatura do convenio.

 
Ferrol, 28 de xullo de 2017. A voceira e deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa xunto ao alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, para dar conta das iniciativas que se rexistraron no Congreso dos Deputados para que se axilicen os trámites para a sinatura do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Ferrol para realizar os proxectos de transformación da avenida de As Pías (FE-14), da estrada A Trincheira (FE-11) e da avenida de Nicasio Pérez (FE-13). Nas iniciativas que En Marea rexistrou no Congreso tamén se solicita a transferencia de titularidade ao cidade departamental destas estradas estatais, que pasarían así a converterse en vías urbanas.

A voceira de En Marea denunciou esta mañá que o Goberno do PP non actúa conforme ao que asegura na propia memoria dos Orzamentos do Estado de 2017, onde se afirma que Ferrol é unha das cidades que máis eivas socioeconómicas ten. Díaz afirma que por iso se merece ter unha atención de xeito especial que o executivo non contempla con esta cidade, xa que non se consignan partidas para subsanar a situación que describen perfectamente na memoria dos orzamentos.

A deputada de En Marea denuncia que o Ministerio de Fomento está a incumprir coa sinatura dun convenio que é vital para a nosa cidade, unha demanda histórica da cidadanía de Ferrol que ten que ver coa adecuación da Avenida das Pías para convertela nunha infraestructura que forme parte xa da nosa cidade, unha actuación que cambiaría a faciana de barrios elementais de Ferrol e sería parte importante para a integración de distintos barrios.

Díaz lembrou que o convenio o que pretende é que o Ministerio de Fomento ceda estes terrenos e estas vías, as F-11,12,13 e 14 á nosa cidade e cumpriran coa obriga de sufragar os custes destas actuacións que superan os 8 millóns de euros.
A vista dos desleixo que Fomento mantén con esta cidade, hoxe mesmo Yolanda Díaz solicitou entrevista co Secretario de Estado de Infraestructuras para que explique que é o que realmente está a pasar e por qué non se asina un convenio que estaba comprometido hai tempo. Tamén sinalou que en setembro darase curso, no Congreso, ás preguntas orais en comisión sobre este tema para que Goberno explicite cales son as razóns que permiten que a nosa cidade siga estando como está.

Pregunta escrita relativa ao Convenio entre o Concello de Ferrol e Fomento:

Download (PDF, 992KB)

Proposición Non de Lei:

Download (PDF, 1.03MB)