Novas

En Marea esixe a Fomento que adopte medidas para que a N-120 entre Nogueira de Ramuín e Pantón deixe de ser o tramo máis perigoso do Estado

COMISIÓN CULTURA RIBEIRA SACRA

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello lembra que en febreiro pasado o Congreso aprobou unha proposición de En Marea para que se realizasen actuacións de mellora da seguridade vial neste treito, pero nada fixo o Goberno.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/1ed23f51-ac85-4a80-8dee-3aaddf32510f/64313_PREGUNTA_N_120_PERIGOSIDADE.pdf 

Madrid, 28 de decembro 2017. O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, diríxese ao Ministerio de Fomento para esixirlle que adopte por fin medidas para que o tramo da N-120 entre Nogueira de Ramuín (Ourense) e Pantón (Lugo) deixe de ser o tramo máis perigoso da rede viaria do estado.

“Nestes días de decembro coñeceuse o último estudo de Race, e este treito figura máis unha vez como o máis perigoso do Estado. Un traxecto de tan só 14 quilómetros que pasa polo alto de Guítara, pola pendente cara Os Peares até pasada a ponte que salva a desembocadura do Sil no Miño. A maior parte dos accidentes prodúcense nunha sucesión de curvas de forte pendente entre o alto de Guítara e o desvío cara o pobo de Bazal, no municipio de Pantón”, explica o deputado de En Marea.

Fomento mira para outro lado

Fernán Vello pregunta a Fomento se vai cumprir o mandato do Congreso e levar a cabo con carácter urxente, actuacións neste tramo da N-120 para mellorar a seguridad vial. Lembra que o pasado 21 de febreiro, e a iniciativa de En Marea, aprobouse unha proposición non de lei neste sentido. “Mais, lamenta, o Goberno fai caso omiso do que se aproba na Cámara Baixa”.

O deputado de En Marea sinala que “o único que fixo Fomento nestes vinte anos, foi colocar un radar nas proximidades da ponte dos Peares recentementes. E hai anos limitouse a repintar os sinais horizontais prohibindo a manobra de adiantamento”.

“De verdade considera o Ministerio que a súa perigosidade arránxase cun radar nas proximidades da ponte dos Peares? Que pasa coa curva de Guítara, a zona de maior risco? Non considera que se deben levar a cabo actuacións nas curvas? Vai cumprir a proposición non de lei aprobada no Congreso en febreiro pasado sobre este problema? Non cre que é hora de poñerse en ación e  garantir a seguridad vial neste tramo?”, son algunhas das preguntas que dirixe ao Ministerio.

Para Fernán Vello a “seguridade vial debe ser unha asignatura de obrigado cumprimento por parte do Ministerio, máxime cando un tramo como o aludido figura ano tras ano nos informes anuais como o máis perigoso do estado. Precísanse medidas de calado”.