Novas

En Marea esixe a Fomento que poña data para reunirse co concello de Cangas e do Morrazo, afectados polas obras de Rande da AP-9

e84bb828-aa0f-460a-92fa-db55b4ff3739

Alexandra Fernández afirmou que “á xente estálle a sair moi caro esta forma de actuar, este engano, mentras que a AUDASA sáelle gratis. Exiximos ao Ministro que deixe de ser cómprice coa concesionaria e lle exixa responsabilidades”.
Pazos da “un ultimátum político ao Ministerio para que nos aclare cando rematarán as obras e que están a facer”, do contrario, asevera, haberá movilizacións da xente que “está moi enfadada”.

Audio: https://soundcloud.com/marina-sanchez-testas/rolda-de-prensa-da-deputada-alexandra-fernandez-en-cangas
Cangas, 11 de maio 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, dirixiuse ao Ministro de Fomento a través de iniciativas parlamentares para esixirlle que atenda a demanda do concello de Cangas e doutros do Morrazo e fixe unha data para abordar os problemas, o impacto e as deficiencias provocadas pola ampliación da Ponte de Rande na AP-9.
A deputada de En Marea, que compareceu nas dependencias do concello xunto co alcalde, Xosé Manuel Pazos, e o concelleiro Mariano Abalo, instou a Íñigo de la Serna a atender dunha vez a solicitude de reunión que lle fixeron hai meses os concellos do Morrazo.
Simularon unha mentira para subir peaxes
Fernández explicou aos medios as iniciativas parlamentares dirixidas a Fomento desde os “fastos da inauguración da ampliación de Rande, o 30 de decembro, inauguración “in extremis” que contou até con Rajoy para cortar lazos dunha actuación que nas primeiras semanas de xeneiro se demostrou que estaba por rematar”.

A deputada de En Marea puxo de manifesto que “ao pouco de iniciado o 2018, fíxose evidente o que agochaba tanta presa de última hora. Foi unha inauguración ficticia que se desmontou cando sofrimos o cortes dos carrís da Ponte de Rande porque as obras continuaban e non estaban resoltos problemas como o do colexio en Chapela”.

En liñas xerais, os comparecentes criticaron a compricidade de Íñigo de la Serna con AUDASA para darlle as bendicións de cara a subir as tarifas das peaxes a partir do 1 de xaneiro. Denunciaron que se “vendese fume” en referencia aos fastos da inauguración en aras a satisfacer os intereses economicistas da concesionaria, dándolle así as costas aos intereses da xente, e dándolle as costas aos concellos do Morrazo como o de Cangas que levan meses demandándolle a Íñigo de la Serna unha xunta que continúa a negar”.

A concesionaria leva desde hai meses, desde xaneiro, cortando carrís e causando atascos quilométricos na ponte de Rande con sufridos conductores e conductoras atrapados en enormes atascos e tendo que pagar íntegramente as peaxes a pesar do pésimo servizo.

A parlamentar de En Marea deu conta das preguntas formuladas ao Ministro tanto en xaneiro como en abril e agora en maio para denunciar a non finalización das obras, os atascos quilométricos que se están a producir que manteñen a miles de persoas atrapadas e por riba tendo que pagar as peaxes.
Pola súa parte, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, aludiu aos atascos quilométricos producidos o pasado sábado e que “provocaron o enfado da xente que tardou unha hora en cruzar Rande”.

O alcalde insistiu en que darán “un ultimátum a Fomento para que explique cando van rematar as obras, que se está a facer” ou do contrario “haberá movilizacións”.

“Hoxe a cidadanía de Cangas e do resto do Morrazo continúa a atoparse co enorme tapón que é Rande”. Se o Ministerio “non se digna a respostar será o momento de iniciar un proceso de mobilizacións”, sinalou, advertindo que coa apertura do corredor hoxe “vaise aumentar o tráfico”, o cal empiorará a situación.
Fomento, cómprice de AUDASA
Alexandra Fernández enfatizou que“o propio Ministro contradeciuse ao longo destes meses a pesar de disfrazar de eufemismos a continuación das obras, sinalando en conxunción coa concesionaria que “eran obras de mantemento”.

Sen embargo, o 19 de abril en Santiago confesou que “se prevé que as obras de Rande estean rematadas ao longo de maio”.

“As consecuencias de obras inacabadas son cortes de carrís, atascos quilométricos sen que Audasa levante as barreiras”. “Á xente sáelle moi caro esto mentras á concesionaria sáelle moi barato”.

Ante esta situación demandaron a imediata interlocución co Ministerio e Fernández pediulle que “deixe de ser cómprice de Audasa e lle esixa responsabilidades.

“O Ministerio ten que reunirse cos concellos afectados e dar datas de remate das obras. Debe meter en cintura á concesionaria e sancionala. Precisamos queremos “máis solucións e menos propaganda”, engadiu.

Ao mesmo tempo, lembraron tamén os abusos laborais que caracterizaron estas obras e a falla de cumprimento da normativa de seguridade aínda que Fomento o negue para amparar á AUDASA. Tiveron palabras de lembranza para o traballador falecido en xullo do pasado ano en Rande.

Download (PDF, 119KB)