A deputada Yolanda Díaz presentou varias iniciativas no Congreso tras reunirse co Comité de Empresa da factoría de Narón
Congreso, 25 de febreiro de 2015. A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, rexistrou este luns varias iniciativas no Congreso para esixir do Goberno unha solución rápida ao futuro da factoría Poligal en Narón.
A deputada mantivo unha xuntanza este pasado sábado co Comité de Empresa da fábrica de plásticos despois de asistir á concentración convocada pola plantilla diante do Concello de Narón ante un anuncio de peche inmediato da factoría, após a presentación dun concurso de acreedores con proposta de liquidación.
Díaz denuncia a pasividade do Goberno e do Ministerio de Industria ante a falta de política industrial e de apoio ao noso sector produtivo, o que está a provocar un grave proceso de deslocalización das nosas empresas cara outros países.
“Ante esta situación faise imprescindible unha modificación lexislativa que evite, cando menos, a marcha daquelas empresas e industrias que recibiron axudas públicas e subvencións en España”, sinala.
A voceira de En Marea lembra que o Grupo Parlamentario Confederal UP-ECP-EM xa rexistrou o pasado mércores no Congreso unha Proposición de Lei neste senso, para evitar que as grandes multinacionais abandonen o país unha vez que decidiron rematar coas súas actividades, como o caso de Alcoa ou Isowat, ou como hoxe vemos con Poligal, levando a produción e deixando a centos de persoas en desemprego e un impacto ambiental forte.
Así, Yolanda Díaz pregunta ao Ministerio de Reyes Maroto sobre as medidas que ten previsto adoptar para evitar o peche da factoría de Poligal en Narón, e se contempla reunirse coa dirección e co comité de empresa para atopar unha solución ao conflito, toda vez que non existen razóns para a adopción de medidas tan drásticas como a presentación dun concurso de acreedores con proposta de liquidación, xa que as nóminas están pagándose puntualmente e non houbo retrasos nos abonos dos pagos.
A voceira de En Marea denuncia que é inadmisible a pasividade do Goberno ante actuacións como a levada a cabo pola dirección de Poligal, xa que esta empresa ten recibido axudas millonarias do Estado para investir na modernización da planta de Narón, uns compromisos incumplidos ao igual que fixo co Plan de Viabilidade aprobado no ano 2012, e que conta cunha sentencia firme.
Díaz esixe do Executivo un compromiso firme para velar porque esta sentencia se cumpra e se garantan as melloras comprometidas.
A deputada de En Marea insta así ao Goberno a convocar, de xeito inmediato, unha mesa de traballo e diálogo, da que formen parte persoas representantes da empresa, dos trabajadores e das traballadoras e das administracións competentes, coa finalidade de atopar unha solución á situación do centro productivo de Narón (A Coruña) da empresa Poligal Packaging Narón, que garanta a continuidade e a viabilidade da mesma, así como a dos postos de traballo.
Así mesmo, nas iniciativas rexistradas no Congreso, En Marea solicita información sobre todas as axudas públicas e subvencións recibidas por Poligal do Estado, do destino das mesmas, así como daquelas que tivo que devolver por incumprimento das clausulas.