Novas

En Marea esixe a Sánchez “un compromiso para cumprir coa axenda galega”

photo5940759654311242913

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, destacou que para En Marea “é urxente unha reforma xusta da financiación autonómica, ademais de cuestións fundamentais como a transferencia da AP9, o noso sector naval, a dependencia, a pesca e o sector lácteo ou a prórroga de ENCE”.

Madrid, 17 de xullo de 2018. O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, esixiu este martes no Congreso ao Goberno de Sánchez  un compromiso para cumprir coa axenda galega.

“Desde En Marea estamos preocupados, sorprendidos e indignados, Sánchez non mencionou unha soa palabra nin compromiso con Galicia. O noso apoio non é un cheque en branco, esiximos un compromiso claro coa axenda galega”, asegurou Gómez-Reino.

O voceiro insistiu en que “é tempo de diálogo territorial e Galicia, país e nación, ten unhas urxencias que non se poden aprazar”.

“Toca redistribución entre persoas pero tamén entre territorios”, insistiu o deputado, destacando varios temas “cruciais” para a axenda galega.

“Non custa o mesmo financiar un servizo público nos Ancares que en Madrid, por iso, para En Marea é urxente unha reforma xusta da financiación autonómica, ademais de cuestións fundamentais como a transferencia da AP9, o noso sector naval, a dependencia, a pesca e o sector lácteo ou a prórroga de ENCE, entre outros”.

Para En Marea, “a axenda galega non se garante cunha reunión con Feijóo” e a responsabilidade do Goberno “é cumprir cos compromisos cos galegos e galegas”.

O deputado tamén insistiu en que “non é momento de partidismos”: “Conseguimos botar ao PP do Goberno. Agora toca gobernar para mellorar a vida da xente: axenda social e rexeneración democrática”.

“Dende En Marea estamos moi orgullosas de ter contribuído a botar ao PP, pero agora toca construir un horizonte de traballo con dereitos, pensións dignas, acceso á vivenda, igualdade e emprego de calidade”, asegurou Gómez-Reino.