Novas

En Marea fai un chamamento ao Goberno para que acepte a mediación co Govern

photo5961020926306921193

En Marea, que participou nas últimas xuntanzas para intentar buscar unha solución “dialogada” á situación en Catalunya, pide ao Goberno de Rajoy que acepte unha mediación co Govern.

En Marea fai tamén un chamamento á participación nas Marchas Brancas deste sábado, nas que se demanda “diálogo”.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2017. A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, demandou este venres “un cambio na postura do Goberno de Mariano Rajoy para aceptar o diálogo e evitar a escalada de violencia e represión”.

“Pedimos a Rajoy que reconsidere a súa postura. A solución é o diálogo, non pode pecharse en banda”, asegurou este venres a deputada, que valorou como “moi positivo” a “porta aberta que deixou Puigdemont á mediación”.

En Marea considera que estamos nun momento de “altura política, de diálogo e de deixar os intereses partidistas á marxe”.

“A estratexia de choque de trens non pode ser unha solución. Onte mesmo vimos como o Tribunal Constitucional anulou un pleno no Parlamento catalán ou como o Goberno de Rajoy valora aprobar un cambio lexislativo nun decreto para facilitar a saída de empresas de Catalunya. Esta non é a solución, esto só divide máis e fomenta o enfrontamento. A solución non virá por chantaxes ou pola forza, senon polo diálogo”, explica a deputada de En Marea.

Ante esta situación, En Marea e o grupo confederal Unidos Podemos- En Comú Podem- En Marea propuxeron tras varias xuntanzas “unha mediación acordada”.

“Nesta mediación debe involucrarse a actores de diversos campos da sociedade civil, porque o obxectivo é chegar a un acordo que evite a escalada de tensión, un acordo que non sexa a base de porrazos”, sinala.

En Marea fixo tamén un chamamento ás marchas brancas de esta fin de semana, que se unen á petición de “diálogo” baixo o lema “Falamos?”.

“Consideramos que todas as iniciativas encamiñadas a apostar por unha solución política, democrática e pacífica son positivas e defínennos mellor como sociedade que as imaxes de cargas e represión policial que vimos o domingo”, concluiu a deputada.