Novas

En Marea formula unha batería de preguntas a Fomento para “aclarar os anuncios propagandísticos sobre o Tren Lugo-Ourense”

551aae98f1f1c-capturadepantallade2015-03-31165637

O deputado Fernán Vello critica o abandono de “décadas do tren en Lugo” e compara a viaxe de Íñigo de la Serna de onte con “Benvido Mr.Marshall” e esíxelle concreción de prazos, calendario de actuacións, inicio de obras e dotacións económicas reais.

“A lista de débedas do Estado con Lugo en materia de transporte difícilmente se pode ocultar cunha nova promesa de viaxes por tren a Madrid cando o mesmo goberno deixou sen executar nos orzamentos arredor de 500 millóns na provincia de Lugo”, sinalou o voceiro no Parlamento, Luis Villares.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/6f6cc567-c88e-4169-a535-5d8fe1685c20/PREGUNTA_ANUNCIOS_FOMENTO_TREN_LUGO_OURENSE.pdf

Madrid, 8 de maio 2018.  O portavoz de En Marea no Congreso e deputado por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou esta mañá unha batería de preguntas no Congreso dirixidas ao Ministro de Fomento en relación “aos anuncios propagandísticos realizados onte en Lugo por parte de Íñigo de La Serna en ano pre-eleitoral”.

“FEVE esmorece, raquíticos servizos MD, e nula conexión con Santiago”

Fernán Vello lembra que desde o inicio da lexislatura En Marea multiplicou as súas iniciativas parlamentares en relación ao abandono e exclusión de Lugo do mapa de modernización ferroviaria.

“Desde hai anos, Lugo é a grande esquecida nos proxectos de modernización do tren, sempre no furgón de cola. Sofre un paulatino desmantelamento de servizos ferroviarios como o da antiga FEVE, e padece un deterioro considerábel nos servizos de media distancia Lugo-A Coruña, Lugo-Monforte, sen esquecer que aínda non conta con conexión directa coa capital de Galicia, Santiago”, asegurou Fernán Vello.

O voceiro no Parlamento e tamén deputado por Lugo, Luis Villares, sinalou que “a lista de débedas do Estado con Lugo en materia de transporte difícilmente se pode ocultar cunha nova promesa de viaxes por tren a Madrid cando o mesmo goberno deixou sen executar nos orzamentos arredor de 500 millóns na provincia de Lugo.

Villares engadiu que “Lugo precisa unha conexión eficaz con A Coruña, con Santiago, con Ourense, precisa un FEVE que funcione. Lugo tiña que contar cunha estación intermodal para combinar os transportes por estrada e ferrocarril e mesmo o Plan de transporte da Xunta, que xa tiña que estar aprobado segue sen contar coa opinión de todo os axentes implicados no mundo do transporte”.

Este ano os Orzamentos consignan 150.000 euros para o L.A.V Ourense-Lugo

Fernán Vello denunciou tamén que “Lugo é a cidade galega máis deficitaria en materia de ferrocarril. Calquer usuario sábeo por experiencia”. Salientou as cativas dotacións contempladas nos Orzamentos do Estado para esta provincia no 2018 en infraestruturas ferroviarias, con 1,3 millóns para o ancho métrico e 1 millón para a electrificación da liña Monforte-Lugo.

“Consígnase unha cantidade ridícula para o L.A.V Lugo-Ourense de 150.000 euros para este ano e outros 150.000 para o vindeiro. O Ministro, xunto con Feijóo, que fixeron unha viaxe anecdótica en tren de Sarria a Lugo, anunciou unha choiva de millóns para o AVE Lugo-Ourense que leva anos suspendido no tempo e que non ten dotacións nos Orzamentos”.

“É consciente o Ministro que anunciou unha choiva de millóns cando nos Orzamentos para este ano 2018 só se consignan 150.000 euros? É real o anunciado de posta en marcha desa conexión en 2021? De onde sairá o investimento de 283 millóns? ¿Cal é o calendario temporal de actuacións até o 2021? Cando van empezar as obras para cumprir un calendario tan axustado? Vanse executar os investimentos previsos para a electrificación da liña Monforte-Lugo?”, son algunhas das numerosas preguntas que formula ao titular de Fomento.

O PP non ten modelo de tren para Lugo

O portavoz de En Marea destaca tamén que demanda ao Ministerio “luz e taquígrafos sobre esta repentina actuación, de onde procederán as dotacións económicas, prazos, obras e toda a concreción que a propaganda non aporta”.

Ademais, denuncia que “o modelo de tren do Goberno do PP para Lugo está preñado de disparates, incoherencias e despropósitos o que indica que non hai modelo ferroviario para a movilidade diaria da poboación, só eleitoralismo e fastos”.

En Marea esixe a Fomento que atenda a mellora da antiga FEVE, que mellore a infraestrutura e frecuencias dos servizos de tren desde Lugo con outras cidades galegas e que se faga a conexión directa de Lugo con Santiago.

“O modelo de tren para Lugo redúcese ao anunciado onte? Non debería ser prioritaria a mobilidade diaria dos lugueses e luguesas no transporte diario?”.