Novas

EN MAREA INSTA AO GOBERNO A SUSPENDER A CONCESIÓN PARA UN HOTEL NO FARO DE ILLA PANCHA

foto-miguel-anxo

 

Miguel Anxo Fernán Vello denuncia os incumprimentos do Expediente, a ocultación de información, o impacto medioambiental e tilda o proxecto de “absolutamente prescindíbel polo seu limitado uso hoteleiro: dúas habitacións”.

Madrid, 14 de setembro de 2016. O deputado de En Marea por Lugo no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha proposición na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a suspender definitivamente a concesión para o proxecto de Hotel con dúas habitacións no faro da Illa Pancha en Ribadeo.

Un proxecto de “limitado uso hoteleiro, no que se observan unha serie de incumprimentos na tarmitación do Expediente, así como a falla de análise sobre as repercusións dunha actuación así no ecosistema da Illa, pertencente á Rede Natura 200”, salienta Miguel Anxo Fernán Vello.

O parlamentar de En Marea explica na súa iniciativa que en maio de 2015 o Consello de Ministros autorizaba o uso hoteleiro do Faro da Illa Pancha á entrada da Ría de Ribadeo. Un acordo que enmarcou na iniciativa do Ministerio denominada “Faros de España” co propósito de impulsar actividades nestas antigas instalacións. “Nada temos que obxetar ao feito de que se preserve e se incentive o uso do patrimonio marítimo con fins turísticos, sempre e cando conflúan os factores adecuados para tal fin. É dicer, se respeten zonas medioambientais de grande valor natural, non se fagan actuacións agresivas nin que agredan o equilibrio do ecosistema”.

Opacidade e ocultación de información

Máis, recalca, no caso concreto da Illa Pancha, “temos que amosar o noso desacordo co proxecto por diversas razón. Opoñémonos ao proxecto que foi sometido a tramitación pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao”. Explica Miguel Anxo Fernán Vello que na información proporcionada polo Ministerio indícase que o proxecto limítase ao espazo en réxime de concesión, pero resulta que logo se inclúe unha cafetaría cuberta, unha carpa de material transparente, aparcadoiro, sinalización ou fosas sépticas. Elementos invasivos que se coñeceron posteriormente”.

Denuncia o deputado de En Marea “o oscurantismo e a ocultación de información. A
posteriori incluíronse unha serie de elementos que non foron avaliados previamente e que poden causar impacto no entorno”. Pón de manifesto que unha das grandes carencias do proxecto é a falla de análise en relación ás repercusións desta actuación no entorno da Illa. Hai que ter presente que forma parte da Rede Natura desde 1992. Ademáis a Ría de Ribadeo está incluida no rexistro de Zonas de Especial Proteción de Aves e no Convenio Internacional RAMSAR”.

Critica que a empresa separase o Expediente inicial en dous novos e diferentes, “intentando así camuflar os impactos ambientais mediante a división do proxecto en dous”. Miguel Anxo Fernán Vello afirma que “nos preocupa enormemente a opacidade que existe neste disparatado proxecto, ademáis de que é un proxecto absolutamente prescindíbel e que carece de sentido. O seu uso hoteleiro é moi limitado, diríamos que irrisorio porque só contaría con dúas habitacións”.