Novas

En Marea interpela a Costas sobre as solucións para a regresión da praia de Covas en Viveiro

photo5855012487672475066
Madrid, 19 de xuño de 2018. O voceiro de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, rexistrou unha batería de preguntas relativas ao Informe de Dinámica de Litoral da praia de Covas en Viveiro, un areal emblemático e moi frecuentado polo turismo en temporada estival que se atopa en regresión despois dos temporais de inverno.
“Sabe o actual Ministerio de Transición Ecolóxica por que a Demarcación de Costas actuou con tal falta de seriedade e indiferenza en relación á presentación do Informe de Dinámica de Litoral da praia de Covas (Viveiro)? Considera axeitado que se limite a enviar un CD titulado ‘Estudo de mellora da praia de Covas’ ao concello meses máis tarde de telo enviado a Portos de Galicia?”, pregunta o deputado.

Fernán Vello critica a demora e os anuncios do Partido Popular nunca executados e o “mal xeito de proceder” co informe por parte de Costas e o anterior Goberno do PP.

 “Demostraron un desprezo absoluto polos habitantes de Viveiro, que viven con preocupación a grave regresión deste areal”, insistiu o deputado.

Por isto, o voceiro no Congreso pide ao novo Goberno que aporte en detalle as conclusións do Estudo de Costas sobre esta praia e cales son as recomendacións e actuacións a emprender para evitar a súa desaparición.

“Que disposición ten o actual Ministerio a aprobar canto antes un Plan de rexeneración do areal?”, inquire o parlamentar.

 

Download (PDF, 83KB)