Novas

En Marea leva ao Congreso a demanda de anulación do Consello de Guerra e da condena a morte a Bóveda

DSC_0203

Na véspera do asesinato de Bóveda, un 17 de agosto de 1936, o deputado de En Marea pide que “se faga xustiza ás vítimas da represión golpista” e acusa ao PP de paralizar a Lei da Memoria Histórica

Madrid, 14 de agosto 2017. O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou no Congreso senllas proposicións non de lei, para Comisión e para Pleno, e unha pregunta por escrito, para demandarlle ao Goberno que anule o Consello de Guerra sumarísimo e a condena a morte ao histórico político nacionalista, Alexandre Bóveda, un dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galiza e executado polas forzas golpistas o 17 de agosto de 1936.

Ademais, Fernán Vello pide que se declare a ilexitimidade das condenas e das sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza na ditadura franquista, anulando todos os Consellos de Guerra e sentenzas condenatorias. Nun terceiro punto da súa proposición non de lei, insta ao Goberno a realizar actos e recoñecementos públicos para conmemorar, homenaxear e rehabilitar a memoria de todas as vítimas da Ditadura franquista, e en colaboración coas CC.AA, levar a cabo actos que lembren a alcaldes, representantes públicos, figuras políticas, cargos institucionais e outras persoas que foron executradas ilexitimamente polas forzas golpistas debido ás súas ideas.

81 anos após aínda non se anulou a sentenza a morte ilexítima ditada por tribunais de golpistas

O deputado de En Marea reprocha ao Goberno do estado que 81 anos após do asesinato de Bóveda, así como outros moitos, aínda non se reparou a súa memoria nin se anulou o Consello de Guerra sumarísimo ao que foi sometido. Neste sentido, pon de manifesto o traballo feito pola Fundación Alexandre Bóveda que leva anos facendo esta petición. Tamén fai valer o Informe do alto comisionado da ONU de 2014, que emprazaba ao Goberno español a rehabilitar de forma pública e política a políticos históricos como Bóveda, Lluis Companys, Manuel Carrasco i Formiguera e a que “se beneficien todas as vítimas sen excepción”.

O parlamentar de En Marea lembra que a Lei da Memoria Histórica de 2007, recolle no seu artigo 4 a “declaración de reparación e recoñecemento persoal”. E contempla no artigo 3 a “Declaración de ilexitimidade” das condenas. Mais, lamenta, “nada se avanzou neste eido, e moito menos cun Goberno do PP sempre tan reacio á recoñecer ás vítimas da Ditadura franquista e incluso a condenar o réxime ditatorial”.

Nas súas iniciativas parlamentares que achegamos, Fernán Vello destaca brevemente a traxectoria de Bóveda e a o seu labor no Estatuto de Autonomía e na defensa da personalidade nacional de Galiza. Ademais de resaltar a súa andaina tamén narra os tristes momentos da súa condena a morte. Para Miguel Anxo Fernán Vello “é un acto de xustiza, porque cando non se fai xustiza ás vítimas da represión golpista, rehabilitando institucionalmente a súa memoria e anulando sentenzas de morte absolutamente ilexítimas e ilegais, ditadas por tribunais conformados por golpistas, difícilmente se pode aprofundar no concepto democrático. É un paso imprescindíbel que o estado español aínda a estas alturas non deu”.