Novas

En Marea levará ao Congreso o debate dunha proposición para liberar a peaxe Redondela-Vigo se Ábalos non cumpre o compromiso de suprimila

photo5917803410596409039

Alexandra Fernández mantivo este mediodía unha xunta coa Asociación de Veciños de Teis-Chapela para abordar o tema da peaxe da AP-9 que En Marea trasladou á Ministra de Política Territorial.

Vigo, 15 de outubro 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, mantivo un encontro coa Asociación de Veciños de Teis-Chapela para abordar o tema da liberación da peaxe da AP-9 Vigo-Redondela.

A deputada de En Marea explicoulles as iniciativas de control trasladadas ao Ministro de Fomento desde o pasado mes de xullo, data na que se supoñía que se tiña que efectivizar a gratuidade desta taxa comprometida por Fomento a primeiros de ano. Alexandra Fernández informounos das preguntas rexistradas na Cámara apremiando a Ábalos a efectivizar o compromiso adquirido para que a poboación da área metropolitana de Vigo circule gratuitamente por este treito.

Medida necesaria para o desenvolvemento e a movilidade

Fernández lembrou que En Marea ten na recámara unha proposición non de lei para eliminar esta taxa da AP-9, “que non levamos a debate precisamente polo compromiso do Ministerio de proceder a suprimir esta peaxe en meses seguintes. Se Ábalos non da vía libre a este compromiso, pois levaremos a debate e votación a nosa proposición non de lei”. Ademáis, puxo de manifesto que En Marea tamén trasladou esta petición á Ministra de Política Territorial no marco da negociación da axenda galega.

A parlamentar de En Marea foi testemuña do malestar existente entre os veciños e veciñas, os principais prexudicados xunto co sector do  transporte, por non poñerse en marcha unha medida que “ten anos de reivindicacións”. Afirma que Vigo chega tarde á eliminación de peaxes da AP-9 en áreas onde funciona como vía de circunvalación. Hai que lembrar que noutras  cidades galegas foi suprimida. “A peaxe para acceder a Pontevedra, a Santiago ou a Coruña eliminouse, pero en Vigo continuamos a agardar. Un tramo fundamental para os transportistas e para o tránsito entre o porto de Vigo e a área industrial de Chapela”. Salienta que a peaxa “é un mecanismo de bloqueo para o desenvolvemento e competitividade do porto e para a movilidade de Vigo”.

A parlamentar de En Marea demanda ao Ministro de Fomento que axilice o proceso porque as consecuencias socio-económicas para Vigo son moi negativas.