Novas

En Marea logra o compromiso do Goberno para facer unha xornada informativa en Ferrolterra e recoller as demandas de Industria

photo5893200682578717505

Madrid, 19 de decembro de 2017. A deputada e voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, logrou este martes nunha xuntanza no Ministerio o compromiso da Secretaria Xeral de Industria para celebrar unha xornada informativa con alcaldes e sociedade civil en Ferrolterra para coñecer as demandas do sector.

“Ferrolterra concentra unha parte importante do tecido industrial do noso país, é evidente a situación é grave, por iso é moi boa nova que a Secretaria de Industria acollera a proposta de celebrar unha xornada de traballo en Ferrol, presidida polo alcalde, na que estén o resto dos alcaldes da Mancomunidade de Ferrolterra, axentes sindicais e patronais e sociais, para redefinir o futuro industrial destas comarcas empobrecidas”, sinalou Díaz após a reunión.

A deputada de En Marea comunicoulle xa por escrito, a través dunha carta dirixida tanto ás alcaldías como a sindicatos e patronal, o compromiso adquirido esta mañá por parte do Goberno.

Ao remate desta xuntanza, a voceira denunciou que, un ano máis, vemos como as políticas do Ministerio e da Xunta “son fallidas”.

“Quedan 44 millóns de euros sen executar. Hai recursos pero están mal dirixidos. É moi boa nova que en xaneiro se celebre esta xuntanza”, insistiu a deputada.

Ademais, a secretaria xeral comunicou a Yolanda Díaz que incluirá nos PXE2018 unha partida orzamentaria para iniciar a construcción das fragatas F110

A Secretaria de Industria tamén confirmou a En Marea que o Goberno está a elaborar un expediente para analizar se hai irregularidades por parte de Portugal na oferta para a deslocalización de empresas ao país veciño.

“Os sindicatos están pedindo denunciar a Portugal por estas prácticas que están facendo perder actividade industrial nunha materia moi relevante para Galicia”, insistiu a deputada.

En definitiva, Díaz esixiulle ao Goberno unha maior implicación da administración pública na redefinición industrial e económica.