Novas

En Marea mantén unha xuntanza con Ourense en Común para trasladar as demandas ao Congreso

photo5972191006667418119

Os deputados e deputadas de En Marea no Congreso falaron coas concelleiras de Ourense en Común sobre o Museo Arqueolóxico, a Praza de Abastos ou da variante exterior vencellada á chegada do AVE .

Ourense, 9 de outubro de 2017. As deputadas no Congreso, Yolanda Díaz, Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino, mantiveron este luns unha xuntanza de traballo coas concelleiras de Ourense en Común para recoller as demandas do concello e trasladalas ás Cortes.
Na xuntanza falaron sobre o Museo Arqueolóxico, a Praza de Abastos ou da variante exterior vencellada á chegada do AVE.

“Neste mesa de traballo reivindicamos a apertura do Museo Arqueolóxico provincial, que agora queda na man do Ministerio para acometer as obras”, asegurou a voceira Yolanda Díaz e o voceiro de Ourense en Común no Concello, Martiño Xosé Vázquez.

A mesa de traballo que hoxe levamos a cabo concéntrase especialmente nas emendas para os orzamentos do Estado.

“Estamos nunha xira percorrendo o noso país para render contas e recoller as demandas para o Congreso, como facemos hoxe en Ourense. Queremos recoller de primeira man as aportacións que nos fagan as compañeiras de Ourense en Común e trasladar os problemas da cidadanía ourensá ás Cortes”, explicou Díaz, que lembrou que nos últimos orzamentos de En Marea presentou máis de 300 emendas para todo o país.

Vázquez explicou tamén que “é fundamental a actuación en materia de integración da Alta Velocidade no noso concello”.

“Cando o ministro se refería a que a variante exterior supoñía un aforro de 5 minutos para Madrid, deixaba claro que non lle importaba o impacto no noso concello. Para Ourense supón suturar unha ferida, é necesaria esa variante”, explica o concelleiro, que “non se explica como non se deron prazos concretos ante as preguntas de En Marea para garantir que a Variante sexa unha realidade e que o corredor quede liberado”.

Ademais, as deputadas e concelleiras falaron da cuestión que atinxe á Praza de Abastos.

“No último pleno quedou demostrado que aínda non existe prórroga para a Praza de Abastos, que o concello vai ter que afrontar esa obra ao 100% se non consigue esa prórroga”, explicaron, polo que é unha das preguntas que queren trasladar ao Congreso “ante a falta de información por parte do alcalde”.

En Marea leva rexistradas varias iniciativas parlamentares de control e seguimento ao Ministerio de Fomento de infraestruturas de importancia para Ourense como é o caso da chegada do tren de altas prestacións de Ourense.

A finais de xullo, Fomento respondeu á deputada Alexandra Fernández por escrito informándonos sobre o estado dos diferentes tramos, que estiverno paralizados durante case un ano.

Sobre a Variante, en ningún momento concreta prazos nin horizontes temporais, o cal nos fai temer que a súa insistencia nas características da solución temporal se acabe convertindo na solución definitiva e non haxa Variante.

Estamos habituadas a que “solucións temporais” de Fomento rematen sendo definitivas, e neste caso, sería unha moi mala noticia para Ourense que un tren rápido pase polo seu centro urbano.

Da estación Intermodal, remitiuse ao Convenio Marco asinado entre as tres administracións.

“Nós agardamos que impere o sentidiño e se faga unha estación Intermodal útil e efectiva para os ouresáns e ourensás en lugar de obras faraónicas de grandes custes”.