Novas

En Marea pide a Ábalos que aclare se vai facer unha auditoría dos prazos de remate do AVE a Ourense

photo6021673526748096948

Alexandra Fernández salienta que o modelo de liñas AVE non é “a nosa prioridade. A nosa aposta é o Tren de Cercanías que aínda non temos, mais, houbo grandes investimentos e obras avanzadas e debe rematarse en tempo e forma”.
Madrid, 29 de xuño 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou no rexistro da Cámara unha serie de preguntas dirixidas ao Ministro de Fomento, José Luis Ábalos, para pedirlle que explique con clareza se vai levar a cabo unha auditoría dos tramos que fican por rematar da conexión de altas prestacións a Galicia, a Ourense.

Fernández destaca nas cuestiónes que formula a Ábaldos que os prazos temporais de execución e remate do tren de altas prestacións a Galicia sempre estiveron envoltos na inestabilidade, en continuas demoras e incumprimentos dos prazos que se foron prolongando.

Ademais, sinala que “o actual gabinete ministerial sementou certas dúbidas sobre o seu cumprimento. O prazo actual suponse que era o do último trimestre de 2019, no que en teoría os trens estarían en periodo de probas. O Ministro actual cuestionou a información que se foi dando e incluso apuntou á necesidade de levar a cabo unha auditoría para comprobar se é posíbel que se cumpra coa data”.
“Comprométese coa aprobación do Tren de Cercanías para Galicia?”

A deputada de En Marea lembra que as liñas AVE “nunca foron a prioridade de En Marea, fomos bastante críticas cun modelo que supón grandes investimentos e que deixou de lado a aposta pola rede de cercanías ou trens de media distancia, tan necesarios en Galicia para a movilidade diaria da poboación. O noso modelo é o tren de proximidade”.

Mais, puntualiza, somos conscientes de que se fixeron grandes investimentos e que as obras están avanzadas, polo “tanto deben rematarse en tempo e forma. Por un lado, coidamos que deberían cumprirse por fin os últimos prazos xa dilatados, e por outro , debería clarexarse a posición en relación á Variante de Ourense”.

Neste sentido, Fernández pregunta ao Ministro se pode garantir o prazo de finais de 2019 para que os trens estean en probas. E quer saber cal é o seu compromiso coa aprobación dun Tren de Cercanías en Galicia nas áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, además de demandarlle a mellora do tren de media distancia.

Download (PDF, 94KB)