Novas

En Marea pide ao Goberno “colaboración financeira para a conservación do Museo Maside a través do programa museos dos orzamentos do Estado”

photo5897989266171079475

Fernán Vello explica a Íñigo Méndez de Vigo a situación de deterioro e abandono dun Museo cun fondo pictórico e escultórico universal, de relevantes creadores e creadoras das vangardas galegas

Madrid, 21 de decembro 2017. O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar dirixida ao ministro de Cultura, Íñigo Méndez de Vigo, para poñerlle de manifesto o grave estado de deterioro e abandono no que se atopa o Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside, con importantes obras pictóricas de relevantes pintores e pintoras.

Maruja Mallo, Castelao, Laxeiro, Lugrís…, non poden perderse

Fernán Vello explica ao Ministro a situación do Museo Carlos Maside situado en Sada no complexo industrial Cerámicas do Castro e fundado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane en 1970. “Nas súas paredes expóñense obras de  Castelao, Laxeiro, Maruja Mallo, Lugrís ou Eugenio Granell, entre outros. Alberga un dos fondos pictóricos máis importantes da pintura galega contemporánea e universal”. Mais, lamenta, as “súas portas están pechadas desde o ano pasado, e a Xunta tómase con temo a súa necesaria declaración de Ben de Interese Cultural (BIC)”.

Asemade, sinala Fernán Vello, ademáis “ao contido, de enorme valor artístico, hai que sumar o continente. O edificio é un inmóbel singular, creativo e de grande colorido. Foi concebido para gardar as obras de creadores e creadoras das vangardas galegas, que debido ao golpe de estado do 36 e a ditadura, tiveron que marchar ao exilio o sofriron a desparición como miles de persoas”. Polo tanto, resume, ten “un innegábel valor cultural, artístico e tamén de adicación á memoria histórica”.

Nos Orzamentos estatais hai financiamento para Museos

Miguel Anxo Fernán Vello salienta que froito da preocupación e da inquedanza polo perigo que corren as obras, mantivéronse moitas reunións con descendentes de Isaac Díaz Pardo nas que se apremiou á Xunta a subscribir un Convenio para a rehabilitación e mellora do Museo. “Dada a relevancia do fondo pictórico e escultórico, un patrimonio que consideramos universal, vemos axeitada unha colaboración do Ministerio de Cultura no plano financeiro a fin de recuperar un grado óptimo de proteción e conservación”.

De feito, salienta Fernán Vello, nos Orzamentos do Estado existe na seción 18 do Ministerio cun Programa adicado ao financiamento de Museos, o programa 333A da Direción Xeral de Belas Artes e Patrimonio, titulado “De transferencias correntes”, onde se recollen transferencias financeiras a CC.AA, concellos, Sociedades e Fundacións, e tamén a “Familias e institucións sen ánimo de lucro, destinando partidas para Museos.

Razón pola que o deputado de En Marea pregunta ao Ministerio que dispór ten a consignar unha partida nos vindeiros Orzamentos estatais para a proteción, conservación e rehabilitación do Museo Carlos Maside.

Download (PDF, 1.28MB)