Novas

En Marea pide ao Goberno que defenda o sector pesqueiro galego ante o Brexit

photo5803387204112854648

Vídeo: https://youtu.be/JWzeSYtNvQQ

Madrid, 12 de decembro de 2018. O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, interviu este mércores na comparecencia de Pedro Sánchez para defender a situación de Galicia ante as negociacións do Brexit.

“A nosa pesca tamén e cuestión de Estado, non só Gibraltar. A pesca galega pode verse afectada polo Brexit e estamos a falar de milleiros de empregos”, enfatizou o deputado.

Gómez-Reino insistiu en que “ómpre vincular o acceso ao mercado europeo dos produtos británicos ao acceso das augas da nosa frota. Reciprocidade. Se queren vendernos os seus produtos sen aranceis como até agora deben permitir que pesquemos como ata agora”.

“Rematemos co principio de estabilidade relativa que fixaba unha asignación inxusta da cota. Agora temos unha boa oportunidade, xogamos as nosas bazas, distribuamos o stock de xarda onde o Estado é o máis deficitario”.

O voceiro pediu a Sánchez que, máis aló de retórica, tome en serio o que sucede na UE en relación á migración, a seguridade e o Euro. “Atopámonos ante unha Europa agazapada. Tome en serio, tamén, o Brexit. A nosa agricultura, pendente da negociación da PAC, tamén se xoga moito”, asegurou Gómez-Reino.

“Ten aí ao seu ministro de Agricultura e pesca, ao seu ministro de Asuntos Exteriores. Díganos se van defender ao noso sector pesqueiro ou van seguir pasivos. Lembre señor Sánchez: Brexit é igual a pesca. Galicia igual a potencia pesqueira. Cumpra con Galicia”, insistiu o voceiro.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, constestou a En Marea que “o acordo sobre a relación de Reino Unidos e UE precisará da previa conclusión do acordo sobre o sector pesqueiro”.

“En relación coa xarda, unha vez abandone Reino Unido a Unión Europea seguiremos de cerca a asignación das cotas en defensa do sector pesqueiro español”, afirmou.