Novas

En Marea pide ao Goberno que inclúa o casco histórico e o barrio da estación de Monforte no programa de rexeneración de zonas urbanas

photo_2017-06-01_10-55-39

O deputado e voceiro no Congreso Fernán Vello salienta a necesidade de revitalizar o bairro da Estación que no pasado foi un fervedoiro de vida e trasego.

Madrid, 16 de xaneiro 2018. O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou xa no pasado mes de decembro unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandarlle ao Ministerio de Fomento que inclúa o casco histórico e o bairro da Estación de Monforte de Lemos no Programa de Rexeneración e Renovación de zonas urbanas ao albur do Convenio asinado coa Xunta o 31 de xullo pasado.

Lembra Fernán Vello que a finais de xullo, Feijoó e o Ministro de Fomento rubricaban un Convenio para prorrogar os programas en materia de vivenda. Un programa que inclúe un orzamento para procesos de rehabilitación e renovación urbana, capítulo no que “coidamos podería entrar perfectamente o casco histórico e a zona da Estación de Monforte”.

A veciñanza quer revitalizar o bairro da Estación

Resalta o voceiro de En Marea no Congreso que “hai un importante parque de vivendas en estado de semi ruina. O bairro da Estación, que no pasado foi un lugar puxante, un fervedoiro de vida e trasegó, observa agora como algúns edificios de 1923 derrúbanse”. Pón de manifesto que o bairro da Estación monfortino conformouse a finais do século XIX coa chegada do ferrocarril. Monforte foi unha vila eminentemente ferroviaria e viu medrar a súa poboación e o seu eido socio-económico por esta actividade”. Mais, “lamentamos o se declive dos últimos tempos coa redución dos servizos ferroviarios e a perda de protagonismo do tren”.

“É nestas últimas décadas cando este bairro comeza a experimentar o decrecemento e con elo os problemas derivados da diminución significativa desta actividade, que afectou á vila en xeral”, afirma o deputado de En Marea.

O parlamentar traslada ao Ministerio o interese da veciñanza por revitalizar o bairro e poñelo en valor para o que é precisa a colaboración das administracións. “Coñece o Ministerio o deterioro do bairro da Estación e do mal estado de edificios no casco histórico de Monforte? Vai incluir a Monforte nos programas de rehabilitación ao albur do Convenio asinado coa Xunta?”

Download (PDF, 971KB)