Novas

En Marea pide ao Ministerio de Transición Ecolóxica un estudo de impacto ambiental para o embarcadoiro na Ría de Foz

photo5821074038351572261

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, explica que o proxecto para ubicar un embarcadoiro na Ría de Foz non conta con estudos medioambientais e a súa configuración en forma de T suscita inquedanza no sector pesqueiro porque prexudicará á navegabilidade

Madrid, 5 de xullo 2018. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha serie de preguntas dirixidas ao Minsiterio de Transición Ecolóxica para pedirlle que demande o Estudo de Impacto Ambiental no proxecto de ubicación dun embarcadoiro na Ría de Foz.

Explica o deputado de En Marea que no pasado mes de marzo “coñecíamos que o concello de Barreiros tiña solicitado ao Ministerio de Medio Ambiente permiso para instalar un embarcadoiro na Ría de Foz, na zona de Angueira, lugar onde no verán fondean numerosas embarcacións deportivas e se practican deportes náuticos.

Os Estudos medioambientais son preceptivos

O proxecto é o de situar un embarcadoiro de 24 metros de longo e 3 de ancho. “Mais, dito plan non está exento de polémica. Non foi do agrado do sector pesqueiro de Foz debido á súa configuración en forma de T que non é idónea posto que ocuparía boa parte do canal e impediría o tránsito dos barcos coa marea baixa. Cuestionan a estrutura do embarcadoiro porque tería un impacto sobre a navegabilidade”. Solicitan que se teña en conta esta circunstancia, ademáis de que conte co preceptivo Estudo de Impacto Ambiental.

Denuncia o parlamentar de En Marea que na documentación do proxecto non consta o preceptivo Estudo de Impacto Ambiental nin Estudo sobre a posíbel afectación á hidrodinámica da Ría.

Existe o temor, puntualiza Fernán Vello, de que o sector pesqueiro non teña espazo para navegar pola ría. “Sen esquecer que a Ría de Foz está declarada Zona da Rede Natura 2000 e debe haber os Estudos medioambientais.   

Pregunta Miguel Anxo Fernán Vello ao Ministerio se ten coñecemento deste tema e se vai exixir os informes medioambientais.

Download (PDF, 73KB)