Novas

En Marea solicita á Ministra de Igualdade mediación para tratar a situación de Juana Rivas

photo_2017-04-26_11-05-47

A deputada Ángela Rodríguez esixe explicacións á Ministra de Igualdade sobre as propostas que ten previsto adoptar en materia de violencia machista e sobre a execución das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Madrid 1 de agosto de 2017. A deputada Ángela Rodríguez pediu a comparecencia da Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, na Comisión da mesma área para que informe das medidas contra a violencia machista que adoptou dende a súa chegada ao Ministerio, así como das novas medidas que ten previsto adoptar en relación ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a dotación orzamentaria necesaria para sacalas adiante. 

Nos últimos días nos que se aprobou o Pacto de Estado contra Violencia de Xénero, tiveron lugar varios episodios de vulneración de dereitos humanos, que dende En Marea lamentan profundamente: unha muller queimada en Sevilla, outra acoitelada en Compostela, e o desafortunado episodio de Juana Rivas.

Ante a preocupación e a impunidade que teñen estas mulleres ante a violencia institucional, En Marea propón poñer en marcha todos os mecanismos posibles para activar as medidas do Pacto de Estado, e así evitar que outras mulleres sexan asasinadas ou evitar que unha muller teña que fuxir para agochar aos seus fillos do seu pai maltratador: “Como lexisladoras temos a obriga política e histórica de comprender que o feminicidio é un síntoma evidente dunha sociedade machista que hoxe continuamos reproducindo. Esiximos que a Ministra de Sanidade Servizos Sociais e Igualdade informe de cales son as cuestións que está a poñer en marcha para facer do pacto de Estado unha realidade”, afirma a deputada e voceira na Comisión de Igualdade, Ángela Rodríguez.

Ademais, En Marea tamén solicita unha xuntanza urxente coa Ministra  Dolors Montserrat para tratar a situación na que se atopa Juana Rivas, un “caso de extrema urxencia e delicadeza”: “Solicitamos que a Ministra medie e faga todo o posible para amparar o caso de Juana Rivas e evitar que siga nesta terrible situación”.

Solicitude de comparecencia:

Download (PDF, 38KB)