Novas

En Marea pide explicacións polas obras programadas de Audasa na Ponte de Rande que provocan numerosos atascos

photo6021673526748096948

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara debido aos longos atascos producidos o pasado 27 de outubro. 

Madrid, 9 de noviembre de 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar no Congreso para preguntarlle a Fomento se vai pedirlle explicacións a AUDASA por ter programado obras de asfaltado na Ponte de Rande o pasado 27 de outubro en plena hora punta e cando esta pechado o Corredor do Morrazo.

Explica a deputada de En Marea que na mañá daquel venres “o acceso á Ponte de Rande era case imposíbel”. “O motivo do atasco debeuse a dous factores: as obras de asfaltado e o peche do Corredor do Morrazo. Os conductores que precisaban incorporarse á AP-9 en dirección Vigo padeceron horas de retencións e ficaron atrapados nos momentos de acudir aos postos de traballo”.

Para Alexandra Fernández “chama poderosamente a atención que AUDASA autorizase actuacións de asfaltado na Ponte de Rande precisamente en horas punta, das 7 ás 9,30h. Obras que levaron á redución dun carril en cada sentido provocando o correspondente atasco entre Vigo e O Morrazo e viceversa. Bloqueouse o acceso á cidade, tan fundamental para os habitantes da zona”.

Evitar situación semellantes

Fernández considera incomprensíbel que se planifiquen unhas obras na principal arteria de acceso a Vigo sen ter en conta que o Corredor do Morrazo está pechado.

“É normal que se programen así as obras sen considerar as repercusións na xente que vai traballar, ou a citas hospitalarias ou a estudos universitarios? É normal que se bloquee a principal vía de acceso a Vigo?”.

Alexandra Fernández tamén traslada a Fomento o malestar dos municipios de Cangas e de Moaña por non actuar con previsión, e pregunta se recibiu as reclamacións do concello de Cangas.

Ademais, insiste na necesidade de que o Ministerio advirta a Audasa para que non se repitan planificacións de actuacións que teñan efectos tan negativos na poboación.

Download (PDF, 836KB)