Novas

En Marea pide a Fomento actuacións urxentes nas catro pontes de Lugo (sobre a A-6 e a N-640) con problemas graves e demanda de información

photo5805613242712698506

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, critica os recortes dos últimos anos en mantemento e conservación de infraestruturas estatais que levaron a estradas e pontes a estados de importante regresión. 

Madrid, 13 de diciembre 2018. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello,  presentou unha serie de preguntas dirixidas ao Ministerio de Fomento para pedirlle información pormenorizada sobre a situación de catro pontes no territorio de Lugo que están nunha listaxe no Sistema de Xestión de Pontes debido a graves problemas e deterioro.

O deputado de En Marea quer saber que tipo de deficiencias teñen as dúas pontes da A-6 en As Nogais e as dúas infraestruturas situadas na N-640 en A Pontenova. Reprocha ao Ministro Ábalos que se filtrasen dados a un medio de comunicación, indicando as 66 pontes con problemas de seguridade ou de regresión. Fernán Vello afirma que “a raíz desta publicación xurdiu a natural preocupación social e política. Provoca inquedanza que poida haber problemas de seguridade, sobre todo após das imaxes do derrube da ponte en Génova o pasado verán”.

Fomento debe poñer calendario de actuacións

Pon de manifesto que Fomento debe dar cumprida información, explicar a situación e as actuacións a levar a cabo e especialmente os prazos que “queremos pensar serán imediatos ou a curto prazo”. Critica que o Ministerio alegue que se trata dunha base de “acceso restrinxido” cando se filtraron dados e pídelle información transparente.

O parlamentar de En Marea sitúa o grave deterioro de moitas pontes na deixación producida nos últimos anos no capítulo de mantemento. “En numerosas ocasións nos temos dirixido ao Ministerio para denunciar o mal estado de moitas infraestruturas estatais en Lugo debido aos recortes en investimentos de conservación ao longo destes anos. Sen ir máis lonxe, á vista está o deterioro da Ponte Blanca en Lugo que levamos tempo denunciando”.

Fernán Vello insta ao Ministerio a emprender un programa de actuacións urxentes, pide que detalle todo o que atinxe ás catro pontes de Lugo e demanda maiores investimentos en mantemento.

Download (PDF, 73KB)