Novas

En Marea pide a Fomento unha investigación sobre o incendio nas obras do túnel do AVE en Laza e demanda inspeccións e maior seguridade

dsc_0224

A deputada de En Marea e responsable de Fomento, Alexandra Fernández, dirixe unha batería de preguntas por este accidente no que resultaron feridos seis traballadores e lembra á Administración pública que debe vixiar o cumprimento das normativas laborais.

Madrid, 19 de decembro 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, acaba de dirixir ao Ministerio de Fomento unha batería de preguntas con motivo do incendio acontecido esta mañá cedo nas obras de construción do AVE, no túnel de Laza, no que resultaron feridos seis traballadores.

Ademais, demanda a Fomento que abra unha investigación do acontecido esta mañá en Laza.

Fernández amosa a preocupación de En Marea polo estado dos traballadores, e advirte a Fomento de que nun curto periodo de tempo, “producíronse varios accidentes e incidentes en obras públicas” e “son indicativos de que algo haberá que cuestionarse en relación á seguridade laboral”. 

Varios accidentes en obras públicas

Neste sentido, lembra o accidente da semana pasada ou o de xullo nas obras de ampliación da Ponte de Rande na AP-9 cun traballador falecido e recrimina ao presidente de Itínere as súas declaracións vertendo dúbidas sobre se o accidente foi provocado. 

Hoxe mesmo coñecemos o incendio que se produciu “no túnel do AVE en Laza, onde a estas horas contabilízanse seis traballadores feridos”. Fernández salienta que as obras de construción do AVE nese punto xa se cobraron a  vida de varios traballadores, o último deles no ano 2015.

A parlamentar de En Marea pon de manifesto a obriga da Administración pública de vixiar e controlar que se cumpran as normativas de seguridade e hixiene no traballo. “Está o Goberno levando a cabo inspecións laborais nas obras e construción do AVE en Ourense? Tense reunido coa representación sindical para coñecer as condicións laborais tanto no caso das obras do AVE como no caso da Ponte de Rande?”, pregunta.